Avante Ourense cualifica de “vergoñentos” os resultados educativos reflectidos en PISA e reclama unha revisión profunda do sistema educativo para mellorar a comprensión lectora, o razoamento matemático e o pensamento crítico do alumnado.
O coordinador da formación e mestre de Educación Primaria, Francisco Diéguez, considera que os datos non deben converterse nun novo enfrontamento entre partidos. “A responsabilidade é compartida. É do Goberno de España, pero tamén das comunidades autónomas, que teñen amplas competencias educativas”, sinala.
Avante Ourense cualifica de “vergoñentos” os resultados de PISA e pide revisar o sistema educativo
A formación denuncia problemas como a perda de autoridade do profesorado, a interferencia dalgunhas familias en cuestións pedagóxicas e o cuestionamento do criterio profesional dos docentes. Tamén critica un modelo que, ao seu xuízo, concede demasiado peso á promoción e á obtención de títulos fronte á aprendizaxe efectiva.

Diéguez defende unha educación inclusiva, pero rexeita que isto implique reducir o nivel de esixencia. “Axudar ao alumnado significa darlle todos os recursos que necesite para aprender, pero tamén ensinarlle que o esforzo, a responsabilidade, o respecto e o cumprimento das normas forman parte da educación”, afirma.
Avante Ourense reclama á Xunta de Galicia e ao Goberno central que deixen de empregar a educación como elemento de confrontación política e impulsen unha reforma baseada no reforzo da autoridade pedagóxica, a redución da burocracia e a dotación de recursos suficientes.
A formación tamén aposta por recuperar unha cultura do esforzo e reforzar as competencias básicas. “Se temos máis medios ca nunca pero o alumnado comprende e razoa peor, non podemos conformarnos con buscar culpables fóra”, conclúe Diéguez.

