Ategal abrirá o vindeiro 15 de setembro o prazo de inscrición para o curso 2026/2027 das súas aulas sénior de Ourense, cunha programación centrada no benestar físico e mental, a aprendizaxe e a participación social.
A entidade, que conta con 48 anos de traxectoria e colabora coa Xunta de Galicia, reuniu o pasado curso arredor de 120 alumnos e agarda superar esta cifra no novo curso.
Ategal abre as inscricións para as aulas sénior de Ourense
A coordinadora de Ategal Ourense, Marisa Justo, atribúe esta evolución ao ambiente que se xera nas aulas: “Hai alumnos veteranos que acollen moi ben aos novos e os fan sentirse a gusto, como en familia”.

Entre as propostas que manteñen maior demanda figuran as actividades para o coidado do corpo e da mente, como memoria e ioga. A programación tamén recupera iniciativas consolidadas, entre elas as charlas en francés, e incorpora novas propostas como ‘Benestar emocional’ e ‘Muévete y rutina vitalizante en silla’.
Actividades culturais e de ocio
Fóra das aulas, o programa incluirá camiñadas saudables, viaxes e actividades culturais. Entre estas últimas destaca ‘Coñece Ourense e provincia’, unha iniciativa que permite achegarse ao territorio desde diferentes perspectivas.
Ategal tamén organizará encontros con outras aulas, actividades especiais como o Día da Literatura e as tradicionais Xornadas Interxeracionais co alumnado da Facultade de Traballo Social da Universidade de Vigo no campus de Ourense.
O proxecto conta ademais cun equipo docente multidisciplinar formado por profesionais comprometidos co alumnado e atentos aos seus intereses e necesidades.

