A Consellería de Educación substituíu ao docente do IES Xulio Prieto Nespereira de Ourense implicado nas denuncias de violencia machista, segundo informou a Marcha Mundial das Mulleres, que atribúe este cambio á mobilización das familias e do movemento feminista.
O colectivo compareceu este venres diante do centro educativo para actualizar a situación e sinalar que o posto do docente foi sacado en vacante e cuberto “en tempo récord” o mesmo día do inicio do curso. Porén, aseguran que non se coñece nin a sanción aplicada nin a súa duración.
Inspección substitúe un docente do IES Xulio Prieto tras as denuncias
A Marcha Mundial das Mulleres lembrou que as denuncias presentadas durante o pasado curso afectaban a un docente e a outro traballador do instituto. As familias reclamaron respostas á Inspección Educativa, pero, segundo o colectivo, 17 días despois de presentar por rexistro unha solicitude de reunión aínda non recibiron resposta.

Ante esta situación, as concentracións que se viñan realizando diante da Delegación de Educación trasladáronse ao propio instituto co inicio do curso. O obxectivo, explican, é reclamar medidas de protección para as menores e denunciar publicamente a situación.
O colectivo feminista celebrou o afastamento do docente e destacou o papel das familias, das alumnas e da docente que, segundo sinalan, acompañou as persoas afectadas durante o proceso. “A organización colectiva é necesaria, que a denuncia social funciona e que non podemos permitir que o silencio ou a inacción institucional se impoñan ante as violencias machistas”, manifestaron.
Reclaman actuacións sobre o segundo traballador
A Marcha Mundial das Mulleres considera, con todo, que o caso non está resolto, xa que o outro traballador mencionado nas denuncias, persoal non docente do centro, continúa desenvolvendo a súa actividade laboral con normalidade.
O colectivo afirma ter coñecemento de que os dous expedientes administrativos xa foron resoltos pola Inspección Educativa e reclama que se informe, dentro dos límites legais, das actuacións realizadas e das medidas adoptadas.
Entre as súas demandas figuran tamén a adopción de medidas cautelares cando sexan necesarias, o acompañamento e protección das persoas afectadas e o establecemento de protocolos claros para actuar ante posibles situacións de violencia machista nos centros educativos.
A Marcha Mundial das Mulleres anunciou que as mobilizacións continuarán ata que o persoal non docente implicado nas denuncias sexa apartado do centro. “Hoxe celebramos que a mobilización social conseguise un avance, pero non imos permitir que ese avance se converta nunha escusa para dar por rematada a nosa loita”, concluíron.

