A feira internacional de turismo termal, saúde e benestar arrancou en Expourense con 60 expositores, 50 expertos e 15 touroperadores
Termatalia 2026 arrancou este xoves en Expourense coa participación de 16 países, 60 expositores, 50 expertos e 15 touroperadores, nunha edición centrada no negocio, o coñecemento e a cooperación internacional no ámbito do turismo de saúde e benestar.
Termatalia reúne en Ourense 16 países
A inauguración contou coa presenza de representantes de Galicia, Portugal e España, entre eles o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, e o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González. Durante o acto destacou o crecemento do turismo termal, especialmente en Galicia, Ourense e Portugal. En 2025, o sector termal atraeu en Galicia 232.000 turistas e xerou 74,6 millóns de euros de gasto.
O programa profesional inclúe o VII Congreso Internacional sobre Auga e Saúde, con 50 expertos de dez países. As sesións abordarán cuestións como o envellecemento activo, as novas tendencias do wellness, a intelixencia artificial, a investigación universitaria, a hidrología médica, a xeotermia e o papel dos balnearios no desenvolvemento económico e social das zonas rurais.

A feira tamén puxo en marcha o Workshop de Contratación Turística, no que participan 15 touroperadores especializados de mercados como España, Portugal, Estados Unidos, Irlanda, Colombia e Alemaña. Os expositores xa mantiveron numerosas reunións co obxectivo de incorporar destinos e establecementos termais aos catálogos da próxima tempada.
Termatalia completa a súa programación con actividades relacionadas coa auga mineral, entre elas a 21ª Cata Internacional de Augas, ademais de propostas abertas ao público como a ruleta sobre o turismo termal de Ourense, degustacións e tratamentos realizados por profesionais e alumnado de Formación Profesional.
A feira continuará este venres en Expourense, con horario de 09:30 a 18:00 horas.

