Noticias

Sportur Galicia converte Expourense nun gran polideportivo inclusivo

Sportur Galicia arrancou esta mañá en Expourense cun amplo programa de actividades deportivas abertas a todos os públicos e que se prolongará ata o sábado 30 de maio ás 20:00 h.

O recinto feiral transfórmase durante tres días nunha gran cancha polideportiva na que conviven deportistas de todas as idades, con e sen diversidade funcional.

Sportur Galicia converte Expourense nun gran polideportivo inclusivo

Esta edición dos Xogos Deportivos de Sportur Galicia ten como principal obxectivo promover o deporte como ferramenta de superación, integración social e transmisión de valores. Unha vintena de federacións e clubs participan nesta cita organizando exhibicións, competicións e clases abertas para achegar distintas disciplinas deportivas ao público.

Sportur Galicia converte Expourense nun gran polideportivo inclusivo
Foto: Expourense

A primeira xornada estivo especialmente centrada no programa Xogade Multideporte e tamén no hockey, actividades impulsadas pola Secretaría Xeral para o Deporte. Nestas actividades participaron centos de escolares de Primaria e Secundaria de distintos centros educativos da provincia. Durante a mañá, os estudantes compartiron actividades con persoas adultas que participaron nas sesións de tai-chi, co grupo de cachibol do Club Voleibol Ourense e tamén con usuarios con diversidade funcional pertencentes a distintos centros e asociacións.

O deporte escolar deixará paso durante as tardes ao deporte extraescolar, xa que os clubs e federacións trasladarán os seus adestramentos ás instalacións de Expourense. Ademais, este sábado acolleranse distintas competicións da Copa Deputación, entre elas as de balonmán e voleibol.

Variedade deportiva

Os visitantes que se achegaron este xoves ao recinto puideron practicar disciplinas como tai-chi, remo indoor, hockey, fútbol sala, ciclismo, bádminton, tenis pickleball, voleibol, cachibol e orientación. A feira busca tamén servir de escaparate para os clubs deportivos e facilitar a captación de novos practicantes. Esta feita permite ao público descubrir deportes que en moitos casos nunca tiveran ocasión de probar.

Entre os deportes representados nesta edición figuran bádminton, balonmán, ciclismo, esgrima, fútbol sala, hockey, orientación, patinaxe roller cross, remo indoor, tai-chi, tenis pickleball, voleibol, cachibol, wushu e xadrez.

Sportur Galicia está organizada por Expourense co apoio da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial de Ourense. A entrada é gratuíta e o horario da feira manterase durante os tres días entre as 10:00 e as 14:00 h. e entre as 16:00 e as 20:00 h.

Botón volver arriba