Colaboraciones

A ESCUSA DO MAL PAGADOR

A ESCUSA DO MAL PAGADOR – Ruth Reza

As malas pagadoras e pagadores sempre atopan escusas. E os malos políticos e políticas tamén. E á hora de buscar xustificacións, ningunha mellor que a COVID.  Hai quen a emprega para non facer nada e tamén hai quen se aproveita dela para destruír.  Este é o caso do concello de Ourense. Un alcalde, blindado polo PP, que se agarra á escusa da COVID para continuar coa súa folla de ruta de demolición cultural, unha estratexia xa iniciada polo Partido Popular e coa que o actual alcalde continuou desde o inicio de mandato. Unha política que desembocou no peche do Auditorio Municipal de Ourense, eludindo responsabilidades e competencias propias do concello en programación e instalacións culturais, feito este moi grave.

Imos repasar a súa carreira de destrución da cultura propia, unha carreira de fondo cun esprinte iniciado cando colleu o bastón de mando. Estando na oposición iniciou un labor de acoso e derrubo contra a banda municipal de música, cuestión que concretou nada máis chegar á alcaldía. Enterrou unha banda con máis de 125 anos de vida. Continuou co Pórtico do Paraíso, a Fito, a Miteu, o Corpo aTerra, o Ourenrock, non recuperou o Outono Fotográfico que finiquitou o PP. Todos eles festivais propios, nados en Ourense dende a cultura de base. Tentou materializar o peche de espazos expositivos: Arturo Baltar, Sala Valente e aínda o Museo Municipal para convertelo nun edificio de oficinas. Neste xaneiro do 2021 decide non renovar o convenio con AGADIC, reafirmándose no seu desprezo a cultura e ao idioma propio, mais que iamos agardar de alguén que nin respecta a oficialidade do nome do concello do que é alcalde. O 18 de febreiro pecha o Auditorio Municipal aínda que foran eliminadas as restricións sanitarias que impedían a súa apertura no mes anterior. Canto dano se pode facer en pouco máis de ano e medio… Que doado é destruír o que tanto tempo, esforzo e traballo levou construír…

A ESCUSA DO MAL PAGADOR

A decisión de pechar o auditorio non é banal, non é que peche un edificio, supón o confinamento das artes escénicas e afogar aínda máis a todo un sector, que aínda non se recuperou do duro golpe que supuxo a crise do 2008. Sen espazo escénico, neste caso un auditorio, non pode haber representación escénica, o alcalde de Ourense está a eliminar o punto de encontro do público coa creadora e coas intérpretes. De que vale que eu creadora faga cultura se despois os espazos para a súa difusión están pechados. Os concellos teñen como competencia propia a programación cultural e as instalación culturais, se os concellos non programan, se os concellos pechan os espazos de exhibición, desentendéndose das súas competencias, o sector das artes escénicas esmorece. 

A ESCUSA DO MAL PAGADOR

No concello de Ourense conseguiramos ter unha política cultural propia, cun ciclo festivo tradicional (Maios, Magosto, Entroido) e un ciclo cultural anual coñecido polas veciñas: MITEU, FITO, MOTI, cORPOaTERRa, Pórtico do Paraíso, Outono Fotográfico, o Ciclo sen Batuta. Tiñamos unha compañía residente.

Ademais desta programación cultural propia que facía uso de diferentes espazos, no concello asinábase semestralmente un convenio coa Axencia Galega de Industrias Culturais.

Os domingos pola mañá no auditorio había unha programación consolidada para crianzas. No mesmo Auditorio os primeiros venres de cada mes estaba a programación do Apego para crianzas de 0-6 anos e as súas familias, programación da que nada sabemos desde que se iniciou a pandemia.  Como, o máximo responsábel da cultura no concello de Ourense pode queixarse de que haxa pouco público, cousa que dubido que sexa certa, e ao mesmo tempo eliminar a “única” programación infantil que hai no concello? Se non creamos o hábito desde crianzas, poucos espectadores e espectadoras haberá no futuro, e poucos creadores e creadoras haberá no futuro. Menos laiarse e máis traballo para artellar mecanismos que fomenten a participación na vida cultural desde crianzas.

No mandato do PP o acceso da veciñanza creadora aos espazos culturais viuse limitado coa aplicación dunhas tarifas de uso do auditorio municipal ao alcance de moi poucas. Agora co peche do mesmo, empregando o pretexto de que con estes aforos non é rendíbel, o acceso é nulo, nin como espectadoras, nin como creadoras. O Auditorio é un servizo público, e a veciñanza somos as beneficiarias dese servizo público. A rendibilidade cultural só pode medirse en termos de servizo ás veciñas e veciños. As veciñas e veciños de Ourense estamos a perder un servizo público.

E remato polo principio, a cultura non é unha concesión, é un dereito. As institucións poden contribuír a potenciar a nosa existencia, e poden facelo a través do fomento da cultura como espectadoras e como creadoras. Potenciar a nosa existencia no senso de ter un abano amplo e diverso de coñecemento que nos permita escoller e materializar libremente que queremos ser, como sociedade e como persoas. As veciñas e veciños de Ourense estamos a ser privadas dun dereito.

Ruth Reza – Concelleira en Ourense

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Botón volver arriba