Entrevistas

Conversa con Fina Calleja

Unha agradable conversa con Fina Calleja permitiu a Ourensenarede descubrir un pouco máis deste excelente actriz. Muller coas ideas claras e cun forte carácter que defende unha cultura accesible a todos. Unha persoa en constante crecemento que non descoida a súa constante formación en diversos ámbitos para poder ter unha visión global do mundo que a rodea.

Integrante da compañía de Teatro Sarabela e coñecida entre outros papeis pola súa participación en «Padre Casares» atesoura unha importante traxectoria en teatro e televisión como actriz, directora, produtora e escritora.

Conversa con Fina Calleja
Conversa con Fina Calleja

Merecedora de dous premios María Casares, acaba de ser galardonada có Premio Rebulir da Cultura Galega 2020. Fina Calleja é un valioso activo da interpretación que ten Ourense como epicentro de acción.

Conversa con Fina Calleja

As persoas que formades parte de Sarabela tendes formación universitaria a maiores da formación en interpretación. Naquel momento ¿era imprescindible asegurar una vía de escape antes de ir polo camiño que ti desexabas?

Todos confluímos en Sarabela de xeito natural, medrando xuntos. A Universidade era unha vía de coñecemento que todos exploramos sen abandonar a actividade teatral. Sen forzar nada, déronse as circunstancias para construír o noso propio camiño en Sarabela. Todos nós seguimos estudando e formándonos a día de hoxe.

Con un currículo moi importante en actividade teatral e televisiva, dous premios María Casares e acabas de recibir o premio Rebulir da Cultura Galega 2020. ¿que obxectivos tés para os próximos anos?

Todos. Neste momento onde se incrementou o traballo burocrático estou cursando un máster en Xestión Cultural. É moi san que todas as expectativas se manteñan abertas toda a vida.

¿Que necesita o sector cultural en Ourense para recuperarse?

Nun contexto xeral, unha das grandes cuestións pendentes da política cultural é que realmente non hai unha política cultural. Existe unha política de orzamentos que se destinan cara un lugar pero non hai un plan ou modelo que se queira aplicar. Un modelo que englobe a toda a actividade cultural dunha cidade. Un traballo en rede de tódolos axentes que están implicados na cultura para ter a opción de traballar xuntos e desde a conciencia de que o espectador é un cidadán.

Un plan estratéxico engloba cara onde queremos ir, cal é a misión, que valores subxacen detrás desa cultura que se necesita fortalecer. Por iso é tan importante que a cultura sexa entendida como unha ferramenta de educación en valores democráticos, de tolerancia, de convivencia, etc.

Publicaciones relacionadas

O valor da cultura

Podemos cuantificar o custe dunha actividade cultural pero non o beneficio para os espectadores, ¿iso alimenta certas mensaxes?

Ese é un discurso moi intencionado, unha trampa en si mesmo. É non entender o valor da cultura. Es modelo só se emprega cando se fala da cultura pero non se emprega cando falamos do custe por cidadán do número de asesores ou do city manager, só se aplica á cultura. É intencionado e funciona para un número importante de electores.

¿O sector cultural pode sobrevivir sen axudas públicas?

Esa é unha formulación que só se fai cando se fala da Cultura, non se fai cando se fala de educación ou sanidade. Cando un entende que a cultura é un ben común, ten que ser accesible, e para permitir que a cultura sexa accesible a tódolos cidadáns, a produción desa cultura ten unha axuda da administración.

Nas programacións culturais equilibradas, programas dun xeito diversificado para atender a todos, non só o que quere a maioría. Existe a necesidade de preservar os espazos pois a cultura é un lugar de encontro, de comunidade.

Existe outra cuestión que é que case tódolos equipamentos culturais pertencen ás administracións públicas.

Fina Calleja e Sarabela

Sarabela xurde como grupo de teatro afeccionado e despois da o paso a compañía de teatro profesional. As persoas que formades parte sodes un grupo estable, ¿que aportades cada un dentro do colectivo?

Este ano fixemos 40 anos desde que Sarabela se formou na Universidade Laboral onde a figura mais importante era Ánxeles pois era a directora. Non temos un esquema fixado e ríxido, para estar tantos anos xuntos o primeiro é que temos que compartir o mesmo proxecto de vida.

Iso esixe un recoñecemento e admiración cara os compañeiros e permitir que medre todo o mundo. Foron pasando os anos, foron desenvolvéndose novas destrezas, novos coñecementos e fomos diversificando as actividades e roles dentro da compañía.

O paso que deu Sarabela cara a profesionalidade ¿hoxe en día sería máis difícil?

Non, de feito sería máis doado. Ese paso para nos foi moi natural, non quedaba outra. O propio mercado esixía ter esa fórmula empresarial e había un circuíto bastante mais minguado do que hai agora. Tamén as redes de formación eran moito menores.

En Sarabela, tendes unha faceta docente pero tamén organizades festivais, Miteu (21 edicións), Moti (13 edicións) e Fito (17 edicións), ¿cada vez é máis complexo programar cultura?

Nos festivais que nos organizamos, a maior dificultade está na falta de interlocución co concello de Ourense nos últimos anos. Falta de colaboración, non é un tema de cartos. Isto provoca unha perda de calidade. As cousas vanse solucionando pois hai moito corazón detrás pero esa é unha gran dificultade.

Nada menos que 39 premios María Casares adornan as vitrinas de Sarabela, ¿sentídesvos realmente valorados na vosa cidade?

Moitísimo, claro que si. A nosa raíz é a cidade de Ourense e sentímonos máis que recoñecidos polos nosos veciños.

O papel do teatro na sociedade

¿Debe o teatro gañar máis repercusión?

Non é unha cuestión de xéneros, depende dos medios. É un momento de cultura visual. A televisión entra na túa casa sen pedirche permiso e o teatro esixe o esforzo de ter que saír da casa, mercar a entrada e sentar nunha butaca. O que se debería é investir en facer campañas para que a xente vaia o teatro.

A programación cultural saíu da rúa e por iso moita xente non coñece a oferta que se ofrece. A rúa xa non é unha ágora, é un sitio de tránsito para ir dun lado a outro. Xa non é un espazo de encontro e iso é algo que hai que repensar.

¿Que debemos pedir ós nosos políticos?

A cultura é un servizo, os políticos teñen a obriga de garantir un servizo mínimo, igual que en educación, sanidade, emprego, etc.. Deben coñecer e por os recursos públicos ó servizo do benestar público. Esta un pouco pervertida a maneira na que nos pomos en contacto coas institucións.

O diñeiro que xestionan tense que por o servizo dos cidadáns. Durante a pandemia, moita xente atopou refuxio na cultura e esa consideración, os políticos a deben ter en conta.

17ª mostra de Teatro Infantil de Ourense

Publicaciones relacionadas

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Botón volver arriba