Roberto Pascual deixa a dirección da MIT tras unha gran edición de 2024 na que se consolidou o «crecemento cuantitativo e cualitativo».
Despois de 15 anos e 16 edicións á fronte da Dirección Artística da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, Roberto Pascual da por rematada esta etapa.
Roberto Pascual deixa a dirección da MIT tras unha gran edición
«Non convén eternizarse nun mesmo posto de responsabilidade pública, débese ter sentido institucional tanto nos momentos de defensa das debilidades coma nos momentos máis florecentes. A honestidade e o sentido de servizo público para os dereitos da cidadanía deben estar por enriba dos sentimentos egoístas que poidan darse en situacións de estabilidade e recoñecemento amplo coma esta. Marchar nun momento tan bo, con premios e apoios, tamén é xenerosidade co proxecto, oportunidade para que a Mostra poida seguir no bo camiño e darlle normalidade ás transicións, que na maioría dos casos se dan por motivos non positivos. Debería ser máis normal o legado en positivo para o ben común e as transicións acompañada», indica Roberto Pascual.
Será no mes de setembro cando se inicie o proceso para escoller á persoa que asuma a dirección da MIT. Neste proceso tamén colaborará Roberto Pascual tras consolidar un festival do que fará un balance no pleno municipal do mes de setembro.