Esta mañá tivo lugar un acto polo 25N na Subdelegación do Goberno en Ourense no que se leu un manifesto.
No Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, Josefina Rodríguez, xefa da oficina de Estranxeiría da Subdelegación foi a encargada da lectura do manifesto.
Acto polo 25N na Subdelegación do Goberno en Ourense
«Este 28 de decembro, España celebrará 20 anos dende a aprobación da Lei Orgánica de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero. Unha Lei que marcou e consolidou un cambio de paradigma respecto á violencia de xénero, ao considerala, de maneira formal, unha cuestión de Estado» se indicaba neste manifesto.
Durante a lectura do mesmo, Josefina Rodríguez tamén sinalou que «a crecente concienciación da sociedade, así como o impulso do movemento feminista, propiciou a firma do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero en 2017, que representa o gran consenso que existe en España para loitar de forma unánime e firme contra esta violencia».
As cifras que deixa esta violencia de xénero son 1.286 mulleres asasinadas desde o ano 2003. A estas cifras referiuse o subdelegado do Goberno, Eladio Santos, na súa intervención. «Cando remate este acto seguramente veremos unha nova detención por unha presunta agresión a unha muller. Ante esta situación, é obxectivo prioritario do Goberno a loita contra a violencia de xénero. As institucións deben dar resposta ás vítimas».
Ademais dos representantes da Subdelegación do Goberno, o acto tamén contou coa participación de representantes da Garda Civil, Policía Nacional e concello de Ourense.