O XX Festival Arteficial fai un balance moi positivo das presentacións celebradas durante o mes de maio en diferentes espazos da provincia de Ourense.
A organización destaca especialmente o éxito do concerto celebrado na Granxa D’Outeiro, que acadou un cheo absoluto con 150 asistentes.
Arteficial prepara o seu XX aniversario coa chegada de Mad Foxes
Tras estas citas en Auriense, El Pueblo, Secret Bridge e Granxa D’Outeiro, o festival encara unha nova fin de semana de presentacións. Será coa visita da banda francesa Mad Foxes, inmersa actualmente nunha xira europea.

O grupo actuará o 12 de xuño na Abadía da Cova, na Ribeira Sacra; o 13 no Surfing the Lérez, en Pontevedra; e o 14 na Sala Clavicémbalo de Lugo.
Ademais, durante estes concertos revelarase en exclusiva o cartel completo do XX aniversario do festival para os asistentes e socios. Polo momento, a organización confirmou a presenza de artistas como Basic Partner, DJ Balconde, DJ Grima, La Rate Timide, Peitoescuro, Sapoconcho Sem Poncho e Scúru Fitchádu.
Arteficial tamén abriu o prazo de inscrición para o Mercado das Sementes 2026. Este evento celebrarase o 5 de setembro na Praza da Madalena de Ribadavia. O festival terá lugar os días 4 e 5 de setembro.

