O concello de Barbadás presenta o proxecto de ampliación do Polideportivo municipal para dar servizo á forte demanda existente para o uso das instalacións deportivas.
O aumento de poboación que experimenta cada ano o concello de Barbadás provoca que as instalacións municipais vaian quedando pequenas ó aumentar a demanda. Ese é o caso do Polideportivo municipal que verá incrementado o seu espazo útil en case 700 metros cadrados.
Barbadás presenta o proxecto de ampliación do Polideportivo municipal
Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás, e Abel Cortés, concelleiro de Deportes, mostraron o proxecto de ampliación xunto ó arquitecto responsable do mesmo, Alfredo Freixedo. «O obxectivo é a ampliación dun Polideportivo que ten case 12 anos e que se fixo pensando en pequeno, sen contar co que está a ocurrir en Barbadás durante os últimos anos, que é o seu continuo crecemento poboacional» indicou o rexedor de Barbadás.
Para o financiamento desta ampliación, o concello de Barbadás conta co compromiso da Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense. Ambas entidades aportarían cada unha o 40% do orzamento e o concello asumiría o 20% restante.
Zona de vestiarios e duchas, ximnasio, sala de usos múltiples forman parte dun proxecto que tamén ten en conta a sostibilidade enerxética coa instalación de paneis solares, bombas de calor con aerotermia e climatizadores.