A deputada nacionalista por Ourense, Noa Presas, trasladou este martes a “condena e repulsa” do Bloque Nacionalista Galego pola agresión sufrida por unha médica nas urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) na madrugada do domingo.
A parlamentaria expresou tamén a solidariedade da formación coa profesional agredida e co conxunto do persoal do centro sanitario.
O BNG esixe medidas urxentes pola agresión a unha médica en Ourense
A deputada ourensá Noa Presas expresa a solidariedade co persoal e esixe á Xunta unha resposta inmediata ante o aumento da violencia.

Presas advertiu que “non se pode reaccionar con indiferenza ante esta situación” nin ignorar que, segundo datos do Observatorio Contra as Agresións da Organización Médica Colexial (OMC), o ano 2024 bateu un récord de agresións ao persoal sanitario en Galiza, tal e como se fixo público o pasado 12 de marzo con motivo do Día Europeo contra as Agresións a Profesionais Sanitarios.
O BNG considera que esta realidade require unha resposta contundente e urxente por parte da Xunta. Neste sentido, reclama que o Goberno galego “sente a falar co persoal sanitario para aplicar de inmediato os reforzos, medidas e protocolos necesarios”, criticando a “falta de dilixencia” da Consellaría de Sanidade por non ter avanzado suficientemente nese traballo.
Como resposta política, o Grupo Parlamentario do BNG rexistrou no Parlamento unha batería de iniciativas para instar á Xunta a constituír de forma inmediata unha mesa de traballo que integre á Consellaría de Sanidade, a Xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, a Comisión de Centro do CHUO, colexios profesionais, sindicatos e organizacións de pacientes.
O obxectivo desta mesa será abordar medidas extraordinarias como o reforzo de persoal, especialmente no servizo de urxencias, e a activación de protocolos específicos que garantan a seguridade tanto dos profesionais como da cidadanía. O BNG pide tamén que se promovan campañas de difusión para dar a coñecer eses protocolos e fomentar o respecto aos dereitos e deberes no ámbito sanitario.