O BNG de Barbadás considera que a nova crise no Goberno local evidencia a súa incapacidade para manter a estabilidade e atender as necesidades do municipio.
A formación nacionalista acusa a Democracia Ourensana de abandonar o executivo por decisión da súa dirección provincial. Temen os nacionalistas que os meses que restan ata as eleccións municipais estean marcados pola parálise.
O BNG teme a parálise de Barbadás ata as municipais
A candidata do BNG á Alcaldía, Mónica Valencia, defende que a veciñanza merece un Goberno centrado na xestión municipal e reclama avanzar en asuntos como a construción do novo instituto, proposta que a formación levará ao pleno do vindeiro luns.

Valencia atribúe a situación á falta de liderado do alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, e critica a decisión de Democracia Ourensana e do seu concelleiro Dani Rey de abandonar o Goberno local. “A veciñanza de Barbadás merece un goberno á altura e non unha camarilla pendente dos seus intereses partidistas”, afirma.
O BNG lembra ademais que xa propuxera unha moción de censura en decembro de 2025, tras a fractura do Goberno municipal. Agora considera que corresponde á cidadanía decidir nas eleccións municipais de 2027 a composición da próxima corporación e quen debe asumir o liderado do Concello.

