O BNG pide recuperar o viveiro municipal que nestes intres se atopa nunha situación de abandono e infrautilización.
Rhut Reza, concelleira do BNG no concello de Ourense, lembra que «o viveiro municipal data do ano 1997 e foi concibido no seu día como lugar para a xestión dos recursos florais e arbóreos do Concello co obxectivo de optimizar mellor os recursos e abaratar o custe de xestión e mantemento das zonas verdes da cidade».
O BNG pide recuperar o viveiro municipal
Para poder recuperar esta instalación e adecuar o seu funcionamento, o BNG presentará unha moción no próximo pleno municipal do 1 de decembro. «O viveiro municipal adolece dunha falta total e absoluta de mantemento e de uso, non cumprindo nin moito menos co seu cometido principal» destaca Rhut Reza.
«Na actualidade, o viveiro conta cunha única función, a recepción das plantas, árbores e arbustos procedentes de viveiros privados, o que supón un gasto nada desdeñable, contabilizándose facturas de até 6.466,63 euros» destaca Reza. «O viveiro municipal pasou de producir arbustos, plantas de tempada, árbores ou compós de alta calidade ao desmantelamento tanto do seu cadro de persoal, xa que a día de hoxe soamente unha traballadora se encarga do coidado da instalación, como do material dispoñible».
Na moción presentada, o BNG insta «ao Goberno Local á recuperación e posta en valor do viveiro municipal co obxectivo de optimizar mellor os recursos e abaratar o custe da xestión e do mantemento das zonas verdes así como para aumentar o cadro de persoal da brigada de Medio Ambiente adscrita ao coidado e mantemento das mesmas«.