O Certame de Cinema Escolar 2026 recoñeceu os traballos do CEIP Xesús Golmar de Lalín e do IES Eusebio da Guarda, gañadores das dúas categorías do concurso.
Foi o Auditorio Municipal de Ourense o espazo que acolleu a entrega de premios desta edición. Na mesma participaron estudantes de 20 centros educativos de toda Galicia.
O Certame de Cinema Escolar premia o talento galego
Este certame, organizado pola Concellería de Educación do Concello de Ourense coa colaboración da Xunta de Galicia, busca promover o uso do galego entre a mocidade e fomentar a creatividade audiovisual, o traballo en equipo e a reflexión sobre a contorna sociocultural.

O acto contou coa presenza da concelleira de Educación, Tamara Silva, do secretario xeral da Lingua, Valentín García, e dos membros do xurado.
Na categoría de Infantil e Primaria, o primeiro premio foi para Soñar, do CEIP Xesús Golmar de Lalín. O segundo recaeu en Nariz de ouro, do CEIP Celso Emilio Ferreiro, de Cerceda. Pola súa parte, o terceiro foi para A sétima cara, do CEIP Nosa Señora de Xuvencos, de Boborás.
Na categoría dos demais niveis de ensino non universitario, o traballo gañador foi Fogar, do IES Eusebio da Guarda. O segundo premio distinguiu O avellón, do IES de Chapela, e o terceiro foi para Palestina, do IES As Barxas, de Moaña.
O certame tamén recoñeceu os mellores guións: Instrución para falar en galego, do CEIP José Cornide Saavedra da Coruña, en Infantil e Primaria, e Toda a verdade, do IES Río Miño de Rábade, na outra categoría. Ademais, o xurado concedeu unha mención especial a Dona de min, do IES de Chapela.

