O Concello de Ourense desenvolverá unha ampla programación con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que incluirá actividades educativas, obradoiros, un curso de autodefensa e actos institucionais.
A campaña deste ano leva por lema «Que chova igualdade». Esta terá como un dos momentos destacados a colocación dunha placa conmemorativa ás Irmás Touza na estación de tren de Ourense. Este acto está previsto para o 24 de novembro ás 12:50 h.
Ourense conmemora o 25N baixo o lema «Que chova igualdade»
A programación comezará cun curso de autodefensa para mulleres os días 19 e 26 de novembro, ás 19:00 h, no CEIP Mestre Vide. Tamén haberá actividades para escolares, entre elas dous escape rooms contra a violencia machista e a xincana «Alicia e o dinosauro do esquecemento», centrada en recuperar a memoria das mulleres esquecidas pola historia.

O 25 de novembro, ás 12:00 h, terá lugar a lectura do manifesto institucional no Salón de Plenos do Concello. Ademais, a ponte romana iluminarase entre o 23 e o 29 de novembro. O Espazo Xove acollerá a exposición «Á violencia de xénero… dille non!», do 23 de novembro ao 2 de decembro.
A programación completarase cun obradoiro para coñecer o CIMM no CIFP A Farixa, o 23 de novembro. Tamén se realizará outro de empoderamento para mulleres en distintas asociacións veciñais o día 27.

