O grupo municipal do BNG pide unha desculpa de Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense, por chamar «mafia» á UPO.
Nunha publicación en redes sociais, o grupo Democracia Ourensana mostraba o seu programa para as eleccións municipais do 28 de maio. Nun dos apartados, facíase referencia á Universidade Popular co termo «mafia».
O BNG pide unha desculpa de Jácome por chamar «mafia» á UPO
A pesar de que posteriormente foi borrado, «o feito é de enorme gravidade á par que intolerábel. É inadmisíbel que a máxima autoridade municipal se dixira nestes termos a unha Institución que forma parte do propio Concello de Ourense», indica Luis Seara, candidato do BNG á alcaldía.
«Jácome non se conforma con desmantelar un dos Programas con máis éxito e mellor organizados do Concello senón que tamén pretende lixar o seu nome, a súa traxectoria e a todas as persoas vencelladas a ela ao longo de máis de 25 anos, algo que, evidentemente e por máis que o intente, non vai conquerir» destaca Seara.
Unha moción rexistrada para o seu tratamento no próximo pleno municipal pedirá unha desculpa por parte do rexedor ourensán. «Temos moi claro que a UPO é un valor para o Concello de Ourense, é unha oportunidade de aprendizaxe e fonte de traballo para as veciñas e veciños e por iso entendemos preciso non soamente aumentar o seu orzamento senón dotala dunha sede fixa na que poder desenvolver todo o seu potencial e aumentar paulatinamente a súa oferta formativa».