O grupo municipal do BNG presenta unha moción para o pleno deste venres no que solicita o cumprimento da ordenanza de normalización lingüística.
Rhut Reza, concelleira do BNG, indica que «o Concello debería exercer as competencias que lle atribúe a normativa en materia de normalización lingüística para que nos espazos de socialización estea presente a lingua galega, para garantir que aquelas crianzas que empregan a lingua galega non se sintan discriminadas, e que nas súas relacións entre iguais e nas actividades poidan sentirse libres de empregar a lingua galega».
O BNG presenta unha moción para o cumprimento da normalización lingüística
Esta situación prodúcese nun momento no que o INE de 2022 indica que case o 30% dos menores de 20 anos recoñece non ser capaz de falar nada en galego ou o realiza con dificultade. Na mesma liña, un 33% de mozas e mozos non son capaces de escribir en galego con facilidade.
«O actual Goberno local suprimiu actividades de fomento e normalización da lingua galega para crianzas, familias e adolescentes. Programas que tiveron moito éxito e que primeiro a pandemia e despois o desleixo do actual alcalde polo propio fixeron que se esvaeceran».
Na moción que presenta o BNG solicitan que se cumpra a Ordenanza de Normalización Lingüística. Tamén solicitan a posta en marcha dun programa de inmersión lingüística e un programa de fomento do uso da lingua galega entre a mocidade.