O club ourensán Burgas asinou unha destacada actuación no Trofeo de Acrobática de Gondomar, celebrado este domingo 10 de maio no pavillón municipal da localidade pontevedresa, ao conquistar un total de cinco medallas nas categorías femininas: dous ouros, dúas pratas e un bronce.
A cita reuniu a ximnastas dos sete clubs máis destacados de Galicia na modalidade de ximnasia acrobática, nunha competición de alto nivel na que as deportistas ourensás volveron demostrar o bo momento da entidade.
O Burgas suma cinco medallas en Gondomar
Entre os resultados máis destacados sobresae o ouro en parellas Escolar Alevín conseguido por Aldara González e Sara Lorenzo. Estas ximnastas proclamáronse campioas da súa categoría, superando ás dúas parellas do club Flic-Flac de Vigo que completaron o podio.
Tamén subiron ao máis alto do caixón Clara Pereira e Fátima Pereira, que lograron o primeiro posto en parellas Escolar Absoluto. As súas compañeiras Xela Cid e Celtia Silva acadaron a medalla de prata na mesma categoría, confirmando o dominio do Burgas.
Na categoría Base Alevín, Moraima Nóvoa e Erea Diz lograron a segunda posición, mentres que Lía Blanco e Carla Varela completaron a participación do club cunha medalla de bronce.

Nesta ocasión, o Burgas competiu cun grupo reducido formado por ximnastas escolares, alevíns e infantís de base. Os equipos de categorías superiores continúan preparando o seu próximo gran obxectivo: o Campionato de España. Esta competición disputarase en Granada entre os días 19 e 24 de maio, e contará cunha expedición de 33 ximnastas do Club Burgas.

