O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, animou este martes á cidadanía a inscribirse na Carreira Solidaria “Ruta 091”, que se celebrará o 22 de xuño en apoio das persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA).
Durante a presentación da proba no Centro Cultural Marcos Valcárcel, Santos estivo acompañado polo comisario provincial xefe da Policía Nacional, Juan Cástor Vázquez.
O subdelegado anima a participar na Carreira Solidaria “Ruta 091”
Santos destacou o carácter solidario da iniciativa, organizada pola Policía Nacional, e felicitou á institución “pola súa aposta pola inclusión social e a promoción do deporte”. “É imprescindible desenvolver programas e accións coma esta, que buscan mellorar a vida das persoas que máis o precisan”, declarou.
O subdelegado tamén agradeceu o labor da asociación ourensá Trascos, destinataria dos beneficios da carreira, pola súa dedicación ás persoas con TEA e ás súas familias. “O Goberno está a executar a Estratexia Española en Trastorno do Espectro Autista, dotada con 40 millóns de euros, para impulsar a inclusión laboral, a atención temperá e a investigación”, engadiu.
A Carreira Solidaria “Ruta 091” comezará o domingo 22 de xuño ás 9:30 horas coa proba de adultos, de 5 quilómetros.
Ás 10:45 terá lugar a carreira infantil e inclusiva, cun percorrido de 1 quilómetro e 15 minutos.

As inscricións están abertas ata o 15 de xuño ás 23:59 horas, cun prezo de:
- 12 euros para adultos (máximo de 800 participantes) e
- 10 euros para a categoría inclusiva e infantil (máximo de 200 participantes).
Ademais, existe o “Dorsal 0” para quen desexe facer unha doazón solidaria.