Eventos

Charla en Ourense sobre a macroplanta de biogás proxectada na Limia

A macroplanta de biogás da Limia será o eixo dunha charla informativa que se celebrará este martes, 30 de xuño, ás 19:00 h, na Biblioteca Nós de Ourense, organizada pola Plataforma Macroplanta de Biogás na Limia NON e Ecoloxistas en Acción Ourense.

A actividade contará coa participación de Xoán Castro Insua, enxeñeiro agrónomo, investigador e vicepresidente da Asociación de Gadeir@s Elas@Eles, quen abordará os posibles impactos ambientais, territoriais e agrarios do proxecto promovido na comarca da Limia.

Charla en Ourense sobre a macroplanta de biogás proxectada na Limia

Segundo explican as entidades organizadoras, a iniciativa busca ofrecer á cidadanía un espazo de información e debate arredor dun proxecto que está a xerar unha crecente contestación social e institucional. Neste sentido, lembran que a proposta acumula máis de 3.400 alegacións presentadas por particulares, asociacións, colectivos e administracións públicas.

As organizacións convocantes consideran que existen preocupacións relacionadas cos posibles efectos da instalación sobre os recursos hídricos, a actividade agraria, o territorio e a calidade de vida da poboación da comarca. Por este motivo, manteñen a súa oposición á implantación da infraestrutura.

Durante a sesión analizaranse tamén as implicacións ambientais, sociais e económicas que, ao seu xuízo, podería ter a macroplanta para a Limia. Os organizadores sinalan que o obxectivo da charla é facilitar información técnica, resolver dúbidas e fomentar un debate informado entre a cidadanía.

Charla en Ourense sobre a macroplanta de biogás proxectada na Limia

A convocatoria leva por título “ENCE na Limia NON” e desenvolverase na Biblioteca Nós de Ourense con entrada aberta ao público.

Botón volver arriba