O Club Athlos viviu unha fin de semana de grandes resultados entre o 1 e o 6 de abril de 2025, con importantes actuacións a nivel nacional nas categorías absoluta, sénior e universitaria.
O equipo de Primeira Nacional Ouro logrou o seu obxectivo da permanencia na categoría, tras unha tempada esixente e de alto nivel competitivo.
Athlos mantense en Primeira Ouro e brilla no Máster Sénior
O sábado 5, en Huesca, o Athlos impúxose con brillantez a dous rivais situados na parte alta da táboa:
- CB Athlos 4-3 CB Granollers
- CB Athlos 5-2 CDB Huelva
Con estes resultados, o equipo finaliza na 6ª posición da clasificación xeral.

A nivel individual, Ana Nóvoa converteuse na xogadora con máis vitorias da liga, cun balance de 15 triunfos en 20 encontros. O capitán Antonio Iglesias tamén destacou, sendo o segundo mellor xogador da competición, con 15 vitorias en 22 partidos. Ambos xogadores están a un paso de ser recoñecidos como MVPs da liga.
Master Nacional Sénior
Na mesma fin de semana, celebrouse en Medina del Campo (Valladolid) o Máster Nacional Sénior, onde o Club Athlos contou coa participación de Dolores Sarmiento, Francisco Javier Galicia e Luis Ángel Veloso. Os resultados foron excelentes:
- Prata para Luis Ángel Veloso en individual masculino B2
- Bronce para Veloso tamén en dobres masculino B2 xunto a Antonio Jesús Rodríguez (Bad Flay de Jaén)
- Bronce para Sarmiento e Galicia en dobres mixtos C2
Por outra banda, entre o 1 e o 4 de abril, Madrid acolleu o Campionato de España Universitario 2025, onde Ana Nóvoa (UVigo) acadou o título de subcampioa de España en individual feminino. Tamén participou Javier Álava, representando á USC.
Estes resultados reafirman a excelente progresión do Club Athlos e a súa presenza competitiva nas diferentes categorías e idades, tanto a nivel autonómico como nacional.