O Club Ximnasia Pavillón Ourense puxo o broche final á tempada cunha destacada participación no Coimbra GymFest, unha competición internacional que reuniu a 623 ximnastas de 17 países, e na que a entidade ourensá conseguiu varias medallas e numerosos postos de finalista.
Ademais, Lucas Domuro Arias representou á selección española na FIG Trampoline World Cup de Coimbra, onde asinou unha meritoria oitava posición.
O Club Ximnasia Pavillón pecha a tempada con éxito en Coimbra
A expedición ourensá estivo integrada por 23 ximnastas, acompañados polos adestradores Ada Pazos, Saúl Rodríguez e Néstor González. Esta competición resultou nun balance moi positivo tanto polos resultados deportivos como pola experiencia vivida.

Entre os éxitos máis destacados figuran o ouro por equipos en Trampolín U12 masculino e a prata por equipos en Dobreminitramp U12 masculino. A nivel individual, Daniela Rodríguez Augusto brillou ao proclamarse subcampioa en Dobreminitramp e conquistar o bronce en Trampolín na categoría de 13-14 anos.
Tamén lograron postos destacados Breixo Miranda Fernández, quinto en Trampolín masculino de 13-14 anos; Uxía Blanco Cidón, sexta en Trampolín feminino de 15-16 anos; Aleix Galán Grande, sexto en Trampolín U12; e Marco Echevarría Carreiro, oitavo na mesma categoría. Pola súa banda, o equipo feminino absoluto de Trampolín concluíu a competición nunha meritoria cuarta posición.
O club destaca tamén que un importante número dos seus ximnastas conseguiu acceder ás finais das súas respectivas categorías. Estes resultados teñen especial relevancia ó tratarse dun torneo de elevado nivel competitivo con representación internacional.
En paralelo ao GymFest, Lucas Domuro Arias competiu coa selección española na Copa do Mundo de Trampolín da FIG, celebrada tamén en Coimbra, onde acadou unha oitava posición en Dobreminitramp fronte a algúns dos mellores especialistas do panorama mundial.

