As ximnastas do Club Ximnasia Pavillón Ourense Daniela Rodríguez Augusto e Uxía Blanco Cidón participarán no 53º Torneo Internacional da Amizade de Trampolín, que se celebrará do 8 ao 10 de outubro en Jablonec nad Nisou, na República Checa.
A Real Federación Española de Ximnasia (RFEG) incluíu as dúas deportistas na convocatoria oficial para esta competición.
Dúas ximnastas do Pavillón, convocadas para un torneo internacional en Chequia
A expedición contará tamén coa adestradora do club ourensán Inmaculada Pazos Sánchez-Rubio, convocada como integrante da delegación española.

Esta nova chamada internacional chega poucos días despois de que a RFEG anunciase a selección de dez ximnastas do Club Ximnasia Pavillón para o Campionato do Mundo por Idades Junior e Absoluto de Trampolín, que terá lugar en Nankín (China) do 12 ao 15 de novembro. Entre as deportistas seleccionadas tamén figuran Daniela Rodríguez e Uxía Blanco.
A participación nas dúas competicións permitirá ás ximnastas ourensás continuar adquirindo experiencia no ámbito internacional e competir con deportistas procedentes de diferentes países.
Desde o Club Ximnasia Pavillón destacan que estas convocatorias poñen en valor o traballo desenvolvido tanto coas deportistas como co equipo técnico e trasladan os seus parabéns ás ximnastas e ao persoal técnico polo seu compromiso e traballo diario.

