A III Fase e Final da Copa Deputación de Ximnasia Rítmica, celebrada este sábado 30 de maio en Celanova, deixou un destacado balance para os Clubs Pavillón, que pecharon a competición con 13 medallas: cinco ouros, catro pratas e catro bronces.
A cita serviu ademais para clausurar a tempada escolar de ximnasia rítmica na provincia de Ourense.
Trece medallas para os Clubs Pavillón na Final da Copa Deputación de Rítmica
A clasificación final da Copa elaborouse coa suma da nota acadada nesta terceira fase e a mellor puntuación obtida por cada conxunto ou ximnasta individual nas dúas probas anteriores. Sobre o tapiz reuníronse 64 conxuntos, dos que 18 pertencían aos Clubs Pavillón, e 44 ximnastas individuais, con 19 representantes do club ourensán, nunha competición que contou tamén coa participación doutros sete clubs e escolas deportivas da provincia.

Bos resultados na competición de conxuntos
Na categoría sénior destacou o papel do conxunto sénior P do Club Ximnasia Pavillón Ourense, que conseguiu a segunda posición a pesar de competir tras sufrir dúas baixas por lesión que obrigaron a modificar o exercicio apenas dúas semanas antes da cita. A pesar das dificultades, na clasificación xeral da Copa proclamouse subcampión, mentres que o conxunto sénior M rematou en terceira posición.
Na categoría cadete, o Pavillón logrou a vitoria nesta terceira fase e pechou a Copa cunha medalla de prata na clasificación final.
Os mellores resultados chegaron na categoría infantil, onde os tres primeiros postos da xornada foron para os Clubs Pavillón. Ademais, o conxunto Infantil M do Club Ximnasia Pavillón Ourense proclamouse campión da Copa Deputación.
Tamén brillou o conxunto alevín M, vencedor nesta última fase e subcampión na clasificación final, mentres que o alevín P concluíu en cuarta posición.
Na categoría prebenxamín, a Escola Pavillón Ribadavia acadou a terceira posición na competición disputada este sábado.
Pola súa banda, o conxunto de iniciación da Escola Pavillón volveu subir ao máis alto do podio e certificou o título de campión da Copa, tras conquistar o ouro nas tres fases do torneo. O equipo chegaba ademais reforzado polo cuarto posto conseguido no Campionato Galego Escolar celebrado a pasada fin de semana en Pontevedra.
Éxitos tamén nas probas individuais
A competición individual deixou igualmente excelentes resultados para o club. Na categoría sénior, Pura Diéguez mantivo a súa liña de dominio durante toda a tempada, conseguindo o ouro en todas as fases nas que participou e proclamándose campioa da fase final.
Sería na categoría cadete na que as ximnastas do Pavillón ocuparon os tres primeiros postos desta terceira fase. Na clasificación xeral, Sara Suárez proclamouse campioa da Copa, mentres que Uxía Martínez obtivo a medalla de bronce.
En infantil, Irene González foi a mellor clasificada da súa categoría. Na fase final acadou a prata, mentres que Carmen Carballo conseguiu o bronce.
Na categoría alevín, Aroa Cantanhede proclamouse campioa da Copa Deputación. Pola súa parte, en benxamín, Chiara Massa rematou terceira tanto nesta última fase como na clasificación final do torneo.

