Os Clubs Pavillón completaron unha intensa fin de semana de competicións e exhibicións, marcada polo título do equipo senior mixto de ximnasia estética de grupo na Liga Federacións, pola celebración da X Mostra de Escolas e pola destacada actuación dos conxuntos escolares no Campionato Galego disputado en Pontevedra.
A actividade arrancou o sábado coa celebración da X Mostra de Escolas de Ximnasia Rítmica. Esta competición, organizada polo Club Ximnasia Escola Pavillón na cancha central dos Remedios, serviu como peche da tempada escolar.
Ouro en Granada e gran actuación escolar para os Clubs Pavillón
O evento reuniu a máis de 300 ximnastas dos clubs Ximnasia Pavillón Ourense e Escola Pavillón nas modalidades de ximnasia rítmica e estética de grupo.

Sobre o tapiz déronse cita 18 conxuntos de nivel escolar, catro de promoción, dous de prebase, tres de base nacional e tres de elite nacional, ademais de catro equipos de ximnasia estética de grupo, tres deles de nivel nacional.
A xornada desenvolveuse nun ambiente festivo e deportivo no que o club organizador destacou os valores de compañeirismo e esforzo. Ao remate da mostra, todas as ximnastas recibiron un obsequio e realizouse unha homenaxe especial ao medio cento de ximnastas senior dos distintos niveis.
“Se as cativas son o noso futuro, as senior son a alma do club e un espello no que mirarse, polo seu esforzo en compaxinar os estudos de bacharelato con moitas horas de adestramento e, nalgúns casos, o seu papel como adestradoras”, destacaron desde a entidade.
Ouro en Granada para o equipo senior mixto
Xa o domingo, o Polideportivo Ogíjares de Granada acolleu a II Fase da Liga Federacións de Ximnasia Estética de Grupo. O equipo senior mixto dos Clubs Pavillón, formado por Alejandro, Lara, Noa, Daniela, Nicole, Mónica e Laura, logrou proclamarse campión da competición.
O conxunto ourensán competiu nesta cita sen José Vázquez, centrado actualmente na competición individual masculina, pero volveu subir ao máis alto do podio tras unha sólida actuación. Foron o Club Villa Getafe e o Club Velasco de Madrid os que completaron os postos de honra coa prata e o bronce, respectivamente.
O equipo afrontará agora o Campionato Nacional de Ximnasia Estética de Grupo, previsto para o mes de xullo en Huesca, xa coa plantilla ao completo.
Preto do podio no Galego escolar
Tamén o domingo, en sesión de mañá e tarde, disputouse no Pavillón Municipal de Pontevedra o Campionato Galego Escolar de Ximnasia Rítmica da Xunta de Galicia. Nel participaron 140 conxuntos procedentes das catro provincias.
Ourense contou con 31 conxuntos clasificados para esta fase autonómica, sendo os Clubs Pavillón os que máis representación achegaron, con dez conxuntos en competición.
O mellor resultado chegou da man do conxunto de iniciación do Escola Pavillón. Este quedou ás portas das medallas cunha cuarta posición, a só 0,200 puntos do terceiro posto, tras executar un destacado exercicio.
Tamén sobresaeu a actuación do conxunto infantil do Escola Pavillón, que rematou na décimo quinta posición nunha das categorías con maior participación.
A tempada escolar concluirá o vindeiro sábado 30 de maio coa disputa da final da Copa Deputación no Polideportivo Municipal de Celanova.

