O «Comedor sobre rodas», programa do concello de Ourense, está en grave situación segundo denuncian membros do grupo socialista.
«Un servizo municipal de vital importancia, especialmente para as persoas maiores de Ourense, que na actualidade se atopa na corda frouxa e en precario pola incapacidade de xestión de Jácome, cuxa prioridade semella ser a contratación de orquestras con diñeiro público«, indican desde o PSdeG-PSOE de Ourense.
O «Comedor sobre rodas» está en grave situación
Alimentación Saludable Gallega SL, empresa concesionaria do servizo de comida no fogar solicitou no mes de febreiro unha modificación do contrato que permitise un incremento do 8% da cantidade a percibir por parte do Concello. O incremento dos prezos dos últimos meses levaron á empresa a solicitar esta modificación.
Esta empresa presta o servizo mediante unha prorroga do contrato co concello. «Segundo o que figuraba no contrato asinado entre o Concello de Ourense e a empresa adxudicataria, a primeira prórroga expirou o pasado 28 de febreiro e dábase opción a unha segunda moratoria dun ano de duración, por un importe aproximado de 200.000 €», indica Natalia González, voceira socialista.
Desde o grupo socialista lembran que foron eles no ano 2008 os que puxeron en marcha o programa «Comedor sobre Rodas» como complemento ó servizo de axuda no fogar. «Este servizo, que chegou a contar con máis de 200 usuarios e a servir case 50.000 menús anuais, foi deseñado especialmente para dar resposta ás necesidades da poboación maior, procurando a súa permanencia na contorna familiar en condicións axeitadas, evitando así a súa institucionalización».