O PSdeG de Ourense emitiu un comunicado de apoio a Xurxo Doval tralos comentarios recibidos nas redes sociais.
Estes ataques son considerados «inaceptables e inxustificables» e piden parar esta cadea de odio. Natalia González, secretaria xeral da agrupación municipal de Ourense mostra a Doval o agarimo de todos os compañeiros.
Os comentarios de carácter LGBTIfóbicos tiveron a súa orixe ó sinalar Xurxo Doval a súa satisfacción pola decisión tomada por Pedro Sánchez.
Comunicado de apoio a Xurxo Doval
A secretaria xeral da Agrupación Municipal do PSdeG-PSOE de Ourense, Natalia González, e os integrantes da Comisión Executiva Municipal queremos trasladarlle de xeito unánime todo o noso agarimo e aprezo ao compañeiro e amigo Xurxo Doval, militante desta agrupación e actual secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Galicia, ante os inaceptables e inxustificables ataques e descualificacións dirixidas cara el na rede social X.
Os feitos producíronse a partir dunha publicación na súa conta en apoio ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, despois de facer pública a súa decisión de continuar á fronte do Executivo, o cal desencadeou unha onda de insultos LGBTIfóbicos que contaron coa complicidade e respaldo de membros da dirección das Novas Xeracións, a mocidade galega do Partido Popular.