“Cando fas aquelo no que cres” – Xurxo Doval Blanco, secretario xeral de Xuventudes Socialistas de Ourense.
Cando fas aquelo no que cres, aquelo onde os sentimentos e os impulsos do corazón superan, en ocasións, á rixidez do positivismo racional e, noutras, pechan unha paz interna con el, quedando a medio camiño, sénteste forte, reconfortado contigo mesmo. Doutra banda, a tempestade da decepción, de faiar a alguén, do medo de non chegar ao final, escurecen os teus pensamentos.
Durante os últimos case 4 anos non houbo ningún día onde a enerxía e a forza me languidecesen, en parte por todos os bos momentos e retos que dende XSG Ourense nos puxemos e superamos, pero tamén os houbo difíciles. Momentos nos que a impotencia enchía o corazón.
Grazas ás amizades de fóra da política, mais sobre todo de dentro dela, as que fixen polo camiño, estiveron aí empurrando porque estabamos convencidos, e convencidas, de que facíamos o correcto (non por nós, se non pola cidade), e ao final superábamos como unha familia as dificultades.
Cando fas aquelo no que cres
E cando un reflexiona sobre o vivido, sobre o feito; cando un se derrete pola calor do agarimo e dos abrazos dos seus compañeiros e compañeiras polas infinitas experiencias pasadas; o único no que pensa é en que non se arrepinte de nada, e eu non o fago. Afilieime con 14 anos (en verán de 2014) sendo un mozo bastante tímido e nos últimos anos coñecín persoas incribles que, dun xeito ou doutro, me ensinaron a vivir, a gozar facendo o que más me gustaba e polo que non tiña que pasar vergoña: acción política no PSOE.
Dende entón foron moitas as burlas as que tiven que vivir na adolescencia, aínda hoxe escoito algunha, non obstante nunca me importou porque a política é para a xente valente, para a xente que non se resigna e non se limita a arranxar o país dende un sofá, dende un bar ou dende as redes sociais. A rúa, as escolas, as universidades, as asociacións… todos os recunchos dunha vila, dunha cidade, dunha provincia, dunha comarca, teñen algo que dicir ou algo do que aprender nós.
En definitiva, a política é unha forma de entender o mundo, vocacional, porque aquela persoa que verdadeiramente a vive con intensidade debe renunciar a pequenos, pero importantes, praceres do día a día. Quen me lea saberá do que falo.
Todo isto foi obxecto de reflexión nos últimos meses, dun debate interno bastante filosófico, onde escoitei ao rapaz que se afiliou hai 7 anos e tamén ao home que quero ser dentro de 20. Como ourensán sempre crecín baixo a lenda negra de que non temos futuro, nin na nosa terra nin no país. Unha cidade en medio dun deserto atravesada pola A-52. Lamentablemente, gústame escribir o meu destino, non que mo escriban.
Secretaría Xeral de Xuventudes Socialistas de Galicia
Por iso decidín presentarme á Secretaría Xeral de Xuventudes Socialistas de Galicia, para recuperar a organización que me axudou a medrar, para que tamén o faga con máis rapaces e rapazas que queiran escribir as páxinas do futuro sen vergoña, sen medo ao que pensen os demais. Unha organización sen barreiras á creatividade e ao idealismo da xente. Que nos atrevamos a mirar ao PSdeG de fronte, cando sexa preciso, con debates incómodos dos cales sairemos reforzados. Cómpre falar da luz; do modelo de transición enerxética; de que os nosos problemas non se solucionan só con cheques e bonos; que o país vai máis aló da AP-9; de modelo territorial autonómico que queremos; da sexualidade; do alcohol, do xogo, da saúde física e mental…
Non nos imos calar. A miña xeración non pode agardar máis e entre os meus defectos está o de levantar a voz cando é preciso e comprometer a quen sexa para lograr os nosos retos, para dar unha resposta aos problemas, algo que algunha que outra vez xerou incomodidades, mais nunca nos freou. Somos unha onda que ten o poder de non renderse, e non somos débiles. Por qué?
Porque facemos aquelo no que cremos.
Xurxo Doval Blanco, secretario xeral de Xuventudes Socialistas de Ourense.