A Copa Deputación de Trampolín reuniu este sábado en Celanova a 114 ximnastas das distintas escolas e clubs da provincia, nunha xornada marcada polo alto nivel competitivo e polos excelentes resultados acadados polos deportistas do Club Escola Pavillón e do Club Ximnasia Pavillón Ourense.
O Polideportivo Municipal de Celanova acolleu esta competición provincial, na que participaron representantes do Club Burgas, das Escolas Deportivas de Barbadás, do Club Escola Pavillón e do Club Ximnasia Pavillón Ourense.
O Pavillón suma numerosos podios na Copa Deputación de Trampolín
Na modalidade de minitramp, os clubs pavillonistas lograron varios postos de honra. Na categoría alevín feminina, Lía Calviño García foi segunda e Clara Sampedro Cid terceira. Entre os alevíns masculinos, Antón Fernández Lavilla proclamouse campión, mentres que Xan del Prete Rodríguez acadou a segunda posición.

Na categoría infantil feminina, Antonella Rughini Ruíz rematou terceira. En cadete feminina, o dominio foi notable, con Alesandra Victoria Salgado Sanango como campioa, seguida de Sofía Antonella Fredes, segunda, e Naiara Rodríguez González, terceira. Pola súa banda, Gael Raña Rodríguez conseguiu o terceiro posto en cadete masculino.
En categoría xuvenil feminina, Alba Fernández Fernández foi terceira. No apartado masculino, Alexandre González Sotelo subiu ao máis alto do podio e Fran Soalleiro Gómez foi segundo. Ademais, en absoluto masculino, Daniel Rodríguez Pérez logrou a medalla de ouro.
Os éxitos continuaron en tumbling. En benxamín masculino, Leo Gorgoso San Estéban conseguiu a terceira posición. Na categoría alevín masculina, Xan del Prete Rodríguez proclamouse campión e Antón Fernández Lavilla rematou terceiro.
En cadete feminina, Laura Fernández Fernández foi terceira, mentres que Ada Miguel Ferreira tamén acadou o terceiro posto en xuvenil feminina. Finalmente, Alexandre González Sotelo sumou unha nova medalla ao seu palmarés coa segunda posición en xuvenil masculino.
Estes resultados consolidan o bo traballo realizado polos clubs pavillonistas e poñen de manifesto o gran momento que atravesa a ximnasia de trampolín ourensá nas categorías de base.

