A artista Cristina Pato visitou a escola da Asociación Música e Cultura de Galicia para compartir experiencias e música co alumnado de música tradicional.
O salón parroquial de San Pío X en Mariñamansa quedouse pequeno este venres, 23 de decembro. Numeroso público acudiu á convocatoria realizada pola Asociación Cultural Música e Cultura de Galicia para pechar a programación de Nadal..
Cristina Pato visitou a escola de Música e Cultura de Galicia
Esta entidade programou catro actividades durante o mes de decembro para rematar o ano e celebrar as festas do Nadal. Todas as actividades que formaban parte da programación tiveron unha gran acollida que demostra a forza da masa social da entidade e a calidade das propostas realizadas.
Tras realizar nos primeiros días de decembro uns concertos a cargo do alumnado da escola, a asociación realizaba os concertos de Nadal os días 17 e 18 de decembro cunha importante afluencia de público. Nesas dúas datas, os protagonistas dos concertos foron os distintos grupos da asociación que mostraron o traballa realizado durante o ano.
Quedaba unha última xornada por realizar e tería como protagonista a unha ourensá destaca. Unha muller que coa súa paixón e constancia logrou rachar numerosos «teitos de cristal» para acadar prestixio internacional. Cristina Pato visitou a escola de Música e Cultura para compartir un «pouquiño» dela coa masa social da entidade.
Unha representación dos grupos de música tradicional desta escola de música tiveron a oportunidade de tocar unhas pezas con Cristina Pato. Pandeiretas, gaitas, acordeóns e culleres soaron para pechar unha xornada que comezaría cunha presentación realizada por esta escritora, música e educadora sobre a súa traxectoria vital e os camiños que foi collendo ó longo dos anos.