Os Premios Rebulir da Cultura Galega 2026 superaron as 300 candidaturas e xa teñen gañadores.
Lamatumbá, Chévere Teatro, a Banda de Música de Celanova e o Centro Galego de Montevideo recibirán os galardóns na Gala Central do Festival Internacional Rebulir (FIR).
Xa se coñecen os gañadores dos Premios Rebulir 2026
Na categoría de Música Galega, o premio será para Lamatumbá, polo seu percorrido na mestizaxe musical e pola súa contribución á difusión da música galega.

Chévere Teatro recibirá o galardón de Artes Escénicas, en recoñecemento a unha traxectoria marcada pola creación dunha linguaxe propia e polo compromiso coa sociedade, a lingua e a cultura galegas.

O premio de Homenaxe recaerá na Banda de Música de Celanova, pola súa longa traxectoria, o seu labor formativo e a súa capacidade para manter a tradición musical ao tempo que impulsa novos proxectos.

Pola súa banda, o Premio “Rogelio García Yáñez” á emigración galega e aos proxectos no exterior distinguirá o Centro Galego de Montevideo. Este recoñecemento chega pola defensa e transmisión da lingua, cultura e tradicións galegas no Uruguai.

O xurado reuniuse o pasado 7 de setembro e estivo integrado por representantes do ámbito cultural, artístico, educativo, institucional e da comunicación.
Os galardóns entregaranse o 19 de decembro, ás 19.00 horas, durante a Gala Central do FIR 2026. Esta celebrarase no Complexo Rogelio García Yáñez do Picouto, en Ramirás. A cita reunirá representantes da cultura galega, artistas, institucións, entidades e público.

