Noticias

Críticas á Xunta pola segmentación da atención primaria en Ourense

A Xunta de Galiza decidiu segmentar a atención primaria do Centro de Saúde Novoa Santos entre o Punto de Atención Continuada (PAC) e o Centro de Saúde do Couto.

A medida tomouse de maneira unilateral e sen consenso coa comunidade sanitaria, segundo denunciou a deputada do BNG Noa Presas.

Críticas á Xunta pola segmentación da atención primaria en Ourense

Esta reestruturación xorde ante a previsión de demolición do actual edificio para construír o futuro Centro Integral de Saúde (CIS) de Ourense.

Presas critica que a decisión foi adoptada «sen rigor profesional e sen unha axeitada planificación», polo que urxe a Xunta a revisala. Lembra que a promesa dun CIS para Ourense data de finais de 2020. Noa Presas sinala que mentres os centros comprometidos na mesma altura en Lugo e Lalín xa están operativos, o proxecto ourensán segue pendente de execución.

Críticas á Xunta pola segmentación da atención primaria en Ourense
Noa Presas. Foto: BNG

Profesionais sanitarios advirten de varios problemas derivados da segmentación. Entre eles, destacan a ruptura da atención primaria para un terzo da poboación da cidade, a sobrecarga do Centro de Saúde do Couto e o desmantelamento do Centro de Orientación Familiar. Ademais, alertan dunha perda na calidade asistencial e docente, derivada da segregación de servizos e pacientes.

O BNG denuncia que a Xunta non consultou nin coa comunidade sanitaria, nin coas entidades sociais e veciñais. Tampouco se tivo en conta a crecente demanda sanitaria nun contexto de avellentamento da poboación e de incorporación de nova veciñanza.

«Unha atención primaria xa saturada vaise ver fragmentada sen garantir espazos nin horarios adecuados», advirten desde a formación nacionalista. En particular, consideran alarmante o impacto negativo sobre o Centro de Orientación Familiar, o que agravaría a situación da atención á saúde da muller en Ourense.

Presas reclama unha «rectificación urxente» e que a Xunta interrompa a proposta de segmentación. Esixe ademais que se acorde cos profesionais sanitarios unha reorganización adecuada do servizo. «A Xunta debe ser dialogante e responsable, pois esta decisión afecta un terzo da poboación de Ourense e podería prolongarse durante cinco anos», concluíu a deputada.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.