Colaboraciones

De novo, outra oportunidade perdida

De novo, outra oportunidade perdida – Millán Brea Castro, Educador social e Pedagogo. Doutor en Ciencias da Educación.

Pois si. Outra oportunidade perdida. E xa van demasiadas. Na cidade de Ourense estase a debater sobre o botellón cun único discurso: Prohibición de beber na rúa.

Pero a reflexión ten que ser moito máis global.

De novo, outra oportunidade perdida

Por un lado, estamos a cometer os mesmos erros que comete a nosa sociedade xeración tras xeración: non escoitar, non debater e non traballar coa mocidade. Volvemos a criminalizar a un colectivo que, queridas compañeiras, é froito da nosa educación. Si, somos responsables do xeito en que a xuventude se expresa. O consumo de alcohol na rúa, non é máis que o exemplo dunha cultura que temos arraigada e, polo que se ve, continuará durante moito tempo.

Non hai alternativas a este lecer nocturno. Non as hai porque, primeiro, teríamos que saber que queren, cales son os seu hobbies, as súas inquedanzas. Pero é máis cómodo “desconectar” e sacar cursos, obradoiros, ter espazos sen saber se queren ou non queren utilizalos. Hai tempo que a democratización cultural morreu. Precisamos que as mozas e mozas decidan sobre o que lles gusta facer para darlle os medios e que o realicen elas e eles. É moi sinxelo. Teñen que ser parte ACTIVA do proceso. Se hai motivación, hai participación. Se damos todo feito, e aínda por riba, sen interese, pasa o de sempre.

Por outro lado, o problema é de saúde pública. Prohibir na rúa, non quere dicir que non vaian atopar onde consumir. Xa sexa en bares, pubs, ou pisos. Deberíamos tamén centrar o debate no consumo. Que vai pasar se agora as nosas mozas e mozos comezan a alugar locais baleiros e facer alí as súas quedadas? (desculpade por dar ideas) É algo positivo non velos na rúa e, que así reactiven incluso a economía local con alugueiros? Pois non, o consumo de sustancias segue, aínda que pechemos os ollos. E é un problema.

De novo, outra oportunidade perdida

Falta de alternativas

Precisamos campañas que cheguen. Non campañas de cartelería. Profesionais que fagan intervencións para TODA a sociedade: Para quen educa, para quen está crecendo, e para quen está decidindo que quere ser. Non empresas de servizos que descoñezan que é unha intervención socioeducativa. Hai figuras profesionais moi preparadas para executar (e que, sorpresa! fórmanse na nosa cidade!). Debera ser unha prioridade, pero está claro que para o grupo de goberno, o importante non é a mocidade (pois non, agasallar cun libro non é priorizar á mocidade).

A nosa xuventude hai que coidala. É o noso valor máis grande. Levamos ano e medio nos que se lle eliminou o dereito a equivocarse, chegar tarde a casa, mocear, … E pensamos que van a cumprir as normas de xeito escrupuloso. Por favor, a rebeldía ten que saír por algún lado. Sexamos capaces de canalizala.

Millán Brea Castro
Educador social e Pedagogo.
Doutor en Ciencias da Educación.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Botón volver arriba