O ximnasta ourensán José Vázquez, do Club Ximnasia Pavillón Ourense, pechou a súa tempada individual cun destacado resultado no Campionato de España Individual Masculino de Ximnasia Rítmica, celebrado en Guadalajara os días 16 e 17 de xuño.
Na categoría sénior, Vázquez acadou a 15ª posición da clasificación xeral entre 32 participantes, consolidándose entre os mellores ximnastas masculinos do país no seu primeiro ano nesta categoría.
José Vázquez remata entre os 15 mellores de España
A súa mellor actuación chegou no exercicio de mazas, onde foi 10º de España con 22,050 puntos, quedando a só 0,150 puntos de acceder á final. Tamén obtivo o posto 19 en aro e o 20 en corda.

Desde o club destacan o traballo e a progresión do deportista, que esta tempada tamén formou parte da selección galega na Copa de España Masculina e do equipo CESA que representou a Galicia en Oviedo.
Aínda que remata a súa campaña individual, José Vázquez volverá competir en xullo no Campionato de España de Ximnasia Estética de Grupo, en Huesca, co equipo sénior mixto do Pavillón.

