Lucía Álvarez e Rosa Torres-Pardo, coa axuda da Deputación Provincial de Ourense, rescatan a espada de Mouruás para levala á pantalla mediante unha produción audiovisual.
As casualidades fixeron que una ourensá que destaca como actriz, guionista e directora nacera nunha aldea do concello de San Xoán de Río. Nesa mesma aldea, no ano 1967 foi atopada unha espada con máis de 3.000 anos de antigüidade. Esa aldea é Mouruás e pronto terá un lugar nas nosas pantallas a través dun traballo audiovisual.
A Deputación de Ourense contribuirá á realización deste proxecto que realizará a produtora Mezzoforte 111. Esta compañía conta coa participación da ourensá Lucía Álvarez e de Rosa Torres-Pardo (Premio Nacional de Música 2017). Tras comprometer o apoio da institución provincial, Manuel Baltar destacou: «vai ser unha nova oportunidade para darnos visibilidade, como ocorreu coa exposición In Tempore Sueborum». O presidente da Deputación destaca o valor dun obxecto «relevante non só na historia de Ourense, senón da humanidade, xa que estamos a falar de que foi fundida hai 3.000 anos«.
Lucía Álvarez destacou que no proxecto da Espada de Mouruás non se perderán as marcas de identidade da produtora Mezzoforte 111, «unha produción totalmente accesible ás persoas con discapacidade auditiva e visual, facendo así partícipes a todo o mundo das nosas historias».
A espada de Mouruás está depositada no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. Atopada por casualidade durante a construción dun camiño, foi Xesús Ferro Couselo o que deu testemuña do seu valor histórico.