O candidato á alcaldía polo BNG, Luis Seara, levará a Bruselas o actual estado da zona histórica da cidade de Ourense ante o que considera un «estado de total abandono».
A viaxe de Luis Seara a Bruselas será o próximo 6 de marzo. Seara viaxará na compaña de Sonia Albor e Xosé Carballido, integrantes ambos da candidatura do BNG ó concello de Ourense.
Luis Seara levará a Bruselas o estado da zona histórica
Durante a visita a Bruselas, Luis Seara dará a coñecer o estado da zona histórica da cidade e coñecerá os distintos plans e fondos europeos ós que o concello pode optar. «A preocupación do BNG pola situación da zona histórica ten sido unha constante ao longo do que levamos de mandato, o que provocou a presentación de numerosas iniciativas», indica Luis Seara.
«Somos conscientes de que temos unha xoia nas nosas mans, pero que a desidia e o desinterese por parte deste goberno local está a provoca que se estea a caer a pedazos, o que pode provocar, entre outras cousas, problemas de seguridade pública», destaca o candidato nacionalista.
Entre os datos que manexa a partido nacionalista sobre a zona histórica destacan:
- Perda de 2.000 habitantes nos últimos 10 anos
- 50% de poboación maior de 60 anos (1/3 é maior de 80 anos)
- 67 edificios en situación de ruína
- 132 edificios en mal estado
- 429 edificios en estado deficiente
- 1546 vivendas baleiras (máis da metade)
- 8% dos locais comerciais ocupados (82 de 900)