Máis de 1.300 alumnos e alumnas de 15 centros educativos da provincia participan hoxe no Correlingua 2023 que se celebra no centro de Ourense.
O alumnado de infantil e primaria que participa neste evento comezará a súa participación ás 10h no Auditorio de Ourense. Alí, a actriz Isabel Risco recibirá ós participantes.
Máis de 1.300 alumnos participan no Correlingua 2023
A lectura dun manifesto por parte do alumnado do Colexio Cisneros, unha actuación do alumnado do CEIP O Couto e o grupo de animación A Run Run marcarán a primeira parte das actividades previstas. Sobre as 11:40h, o grupo percorrerá as rúas do centro histórico para dirixirse á Praza Maior. A Asociación Xuvenil Amencer colabora cun concurso de pancartas e xogos populares.
O alumnado de secundaria iniciará a súa participación no Correlingua 2023 ás 11:40h. As actuacións previstas para este grupo son: lectura do manifesto polo alumnado do Colexio Concepción Arenal, actuación do grupo Mini-Ali do IES O Couto e o grupo gañador do Cantalingua, Cuarta Xusta.
O manifesto da edición de 2023 sinala que: «Botamos a lingua fóra porque amamos o galego da mesma maneira que amamos todas as linguas e a súa riqueza, porque sabemos que cada lingua importa e non é de mala educación botala fóra para ensinarlla a toda a xente. (…) Por iso berramos: Na casa, na escola, bota a lingua fóra».