O país das cen mil letras – Xabier Domínguez, escritor
“… O mellor público do mundo, esas cativas que se entusiasman cos libros… a literatura infantil e xuvenil non crea lectorado para o futuro. O público infantil e mozo son lectores hoxe, e teñen dereito a unha literatura de calidade porque son esixentes, son inconformistas …”
Ledicia Costas, escritora e guerreira.
Premio da cultura galega 2021
Como cada ano chega o mes de maio e con el o día grande das nosas letras, as Letras Galegas. Para pór en situación o lectorado, esta festividade celébrase dende o 17 de maio do ano 1963, cando se conmemoraban os 100 anos da publicación do libro de Rosalía de Castro, Cantares Gallegos, obra mestra considerada a primeira publicación na nosa lingua no Rexurdimento.
Neste 2021 a homenaxeada é Xela Arias Castaño, nada en Lugo o 4 de marzo de 1962 e finada en Vigo o 2 de novembro de 2003. Foi unha poeta, tradutora en varias linguas, editora, e profesora galega, ligada a Edicións Xerais de Galicia, coñecida polas súas obras Tigres coma cabalos e Darío a diario entre outras. Muller forte e guerreira que loitou por dignificar a lingua.
Na actualidade, o traballo desenvolto por autoras no pasado como Xela Arias, comeza a dar os seus froitos no camiño da dignificación do idioma e da lingua. A situación da literatura galega hoxe, a pesar da perda de falantes e de lectores na nosa lingua, mantense, como se mantiveron os galegos/as o longo de tódolos séculos, con traballo, esforzo e creatividade.
O país das cen mil letras
Cada vez son máis as escritoras e escritores en lingua galega, que golpean na mesa cun contundente… aquí estamos nós!, reclamando o seu lugar no panorama literario actual.
Dentro da literatura galega, unha das vertentes en maior auxe na actualidade é a literatura infantil e xuvenil, normalmente ninguneada en comparación coa escrita para adultos. Galardóns como o acaído hai uns días na prolífica e talentosa escritora de literatura infantil e xuvenil Ledicia Costas, o Premio da cultura galega pola súa labor de escrita, axudan a dignificar a literatura para cativos/as.
Como ela mesma dixo no seu discurso á recollida de dito premio citada ao inicio deste artigo, a literatura galega infantil e xuvenil en Galicia ten unha gran calidade, e responde as inquedanzas e demandas dun fragmento da poboación que non só van ser os lectores do mañá, senón que son os lectores de hoxe. Uns lectores inconformistas, que teñen a literatura que merecen: ampla, rica, diversa e, dun tempo a esta parte, cada vez máis recoñecida no exterior. É tempo de que lle deamos aquí tamén a importancia que merece.
Autores como a xa mencionada Ledicia Costas, Antonio García Teijeiro, Marilar Aleixandre, Ramón Caride, Helena Villar Janeiro, Xavier Estévez, Yolanda Castaño, Antía Yáñez, Miguel Ángel Alonso, Iria Misa, María Canosa, Antonio M. Fraga, Paula Carballeira, Paula Merlán, e un sen fin delas fan que a lapa da lingua e da cultura en galego non se apague.
Para rematar, como dicía Castelao, “Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma”. Deamos grazas e aprendamos a amar e valorar o noso idioma, a nosa cultura, dignifiquemos todos/as as nosas letras.
O país das cen mil letras – Xabier Domínguez, escritor