O escritor ourensán, Óscar Manuel Guzmán Álvarez, é finalista do concurso de micro-relatos convocado por OZOCOgz.
O primeiro premio foi para o escritor vigués Víctor Pérez Estévez que presentou o traballo «Revelacións«. Pola súa parte, o escritor Óscar Guzmán presentou o relato «Casabranca» que quedou finalista nesta 12ª edición do concurso.
Óscar Guzmán é finalista do Concurso de micro-relatos OZOCOgz
O escritor ourensán xa gañou outros premios nos últimos meses entre os que destaca o Premio Vilar Ponte a finais do ano 2023.
A publicación da novela «Os segredos de Teresa» no ano 2021 fixo que Guzmán Álvarez chegase a un número importante de lectores que apreciaron a calidade literaria do autor.
MICRO-RELATO GAÑADOR
REVELACIÓNS – Víctor Pérez Estévez
Non lle contei a papa que fora á súa vella tenda. Tiña que tela pechado moito antes do ictus. Xa ninguén rodaba, nin revelaba, películas en Super-8. Precisamos vender o local. Os gastos médicos devoraron a maior parte dos nosos aforros. Aproveitei a visita para limpar un pouco. Magoa non poder entrar no almacén. Non dei coa chave. O que si atopei foi unha caixa cunha bovina que parecía estar feita con retallos doutras cintas.
Xa na casa, móntoa no vello proxector que temos no salón. Parece que papá a recoñeceu, porque púxose moi nervioso. Sería tan bonito que fóra coma a do final de Cinema Paradiso. Papá axitase na cadeira de rodas. Na pantalla aparece a imaxe dunha muller colgada polos pulsos. Un home de costas brande un gran coitelo. Papá comeza a convulsionar e eu berro, cando recoñezo, no pescozo da muller, o colgante que levo posto.
MICRO-RELATO FINALISTA
CASABRANCA – Óscar Manuel Guzmán Álvarez
Lembro que soaba a música de Max Steiner cando, aínda conmocionada, decidín pausar a imaxe e chamalo a vostede. Na pantalla Rick despedíase dunha desconsolada Ilsa con aquela inesquecible frase: “Vamos, vamos… Ve con el, Ilsa”. Eu, enténdame, non quería que ela marchase.
Previamente estivera vendo Casabranca con Xurxo, acuruxada no seu peito, antes de subir collidos da man ao cuarto de matrimonio.
Cando a nosa pel quedou reducida a cinzas confeseillo: ía abandonar a Luís para quedar con el. Tamén Xurxo, coma fixera Rick, bisbou: “Veña, veña… Vai con el, Natalia”.
Doeume, e moito máis cando deu a volta para durmir.
Irada, collín a figura metálica da torre effiel que engalanaba a comoda e golpeeino na cabeza vinte veces. Logo mollei a punta da torre no seu sangue e escribín na parede: “nunca teremos Paris”.
Xurxo tiña razón, inspector. Nin el era Bogart nin eu son a Bergman.