A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense será os días 5 e 6 de maio de 2025 o escenario do II Congreso Internacional ONTDIF.
Este congreso responde ó título “Educar Pensando: A Filosofía na Formación do Suxeito Crítico”.
Ourense promove a reflexión filosófica na educación
O encontro está organizado polo Grupo de Investigación ONTDIF da Universidade de Vigo. No mesmo, reunirá profesorado e alumnado de distintas universidades para reflexionar sobre o papel esencial da filosofía na construción dunha educación crítica, libre e transformadora.
O contexto actual está marcado pola sobreinformación e o ritmo vertixinoso dos cambios sociais e tecnolóxicos. Ante esta situación, o congreso propón repensar a formación do suxeito desde unha perspectiva filosófica. As sesións desenvolveranse no Salón de Graos entre as 16:00 e as 20:30 horas. Nas mesmas abordaranse temas como a ética, a liberdade de pensamento, a educación emancipadora e a necesidade de manter vivas as ferramentas intelectuais que permiten cuestionar, analizar e transformar a realidade.

“O saber filosófico é clave para unha cidadanía activa e consciente”, sinalan desde a organización. Destacan que o congreso pretende reforzar o valor do pensamento reflexivo nun momento no que a educación corre o risco de reducirse a competencias técnicas ou produtivistas.
A celebración deste evento en Ourense pon novamente de manifesto a aposta da Universidade de Vigo por unha educación humanista. Esta educación mantén un compromiso coa formación integral das persoas, e polo recoñecemento da filosofía como unha disciplina indispensable para o desenvolvemento social e democrático.