Colaboraciones

Ourense precisa de moitos Etelvinos

Ourense precisa de moitos Etelvinos – Noela Blanco Rodríguez, exparlamentaria autonómica

Sempre pensei que o día comezaba demasiado cedo para ser un festivo, as veces non eran nin as 8 da mañá cando xa se escoitaba o espertador, son ao que inmediatamente seguían os pasos vigorosos pola casa, o espremedor… e cando me daba conta xa me estaba removendo as sabas dicíndome “xa son horas de erguerse”.

Co paso dos anos, o 1º de Maio comezou a ser tamén para min unha data importante, así que xuntos combinábamos o almorzo cunha sesión de piques. Eu aproveitaba para seguir preguntando con malicia “¿por que este ano tampouco ides xuntos na manifestación?”, comentario que el esquivaba coa agudeza que o caracterizaba, e que zanxaba apostilando,“¡aii, se Pablo Iglesias vos estivera vendo!”, algo ao que nunca me daba tempo a respostar porque viña acompañado dun amplo sorriso, un bico, e un “vémonos na manifestación!”.

O 1 de maio para Etelvino

Noela e Etelvino Blanco

Lembro dende ben pequeniña a Etelvino vivindo o 1º de Maio como un día grande, no que tentaba visibilizar a todos e todas os que nese momento sufrían un conflito laboral nas súas empresas. “Que non se me esqueza ninguén”, adoitaba dicirme a noite anterior cando facía as notas, que despois nunca lía ao día seguinte. Supoño que esta data marcada en vermello no seu calendario sindical e no noso familiar, era como o Domingo de Ramos para os católicos, un día para honrar, e dignificar, aínda que no seu caso fora para como el dicía sen cesar, “á clase traballadora”.

Non era un altar a porta da Subdelegación do Goberno ante a que remataban as manifestacións, nin tampouco por máis que a estética dos seus discursos se asemellara a de Fidel Castro, a Plaza da Revolución da Habana, pero a súa “homilía” atrapaba pola paixón que amosaba a tod@s os que alí estabamos, aos máis veteranos e aos máis novos, porque o revolucionarismo e o romanticismo sindical que o caracterizaban facían que esa utopía que promulgaba fora o motor que moitos precisabamos, para como dicía Galeano, seguir camiñando e avanzando.

Coas datas sinaladas pasa que hai quen por moito que crea, non practica o resto do ano, como os que todos coñecemos que o fin da coresma saen co ramiño, pero que non pisan a igrexa en todo o ano, nada que ver con Etelvino, que non soamente cría no sindicalismo, senón que era un “devoto practicante” todo o ano, por iso no fondo para el, todos os días eran 1º maio.  

O legado de Etelvino Blanco

Foi precisamente ese tesón, o seu liderazgo, e as veces as bágoas pola impotencia, xunto co apoio incondicional de Carmen, que sempre enchía o seu baleiro na casa, o que fixo que por todo Ourense haxa froitos do seu traballo: en cada convenio que negociou onde algún empresario me recoñeceu que se Etelvino estaba na mesa, a pesar de que era un duro e incombustible negociador, estaba tranquilo “porque tiña palabra”; en todos os conflitos laborais das pasadas décadas, algúns de especial dureza como o de Citroën; en cada matrícula da Uned de Ourense, que tanto custou conseguir para a nosa cidade; nas loitas por un campus digno; na defensa dunha atención de calidade para os nosos maiores, sinalando aos que lles roubaban e os maltrataban nas residencias; no cemiterio de San Francisco, onde os Amigos da República nos reunimos cada mes de abril; na afouteza de cada unha das nais que seguen loitando para que Ourense teña un centro de atención para rapaces e rapazas con discapacidade; en todos os traballadores e traballadoras que nalgún momento da súa vida recorreron a el para que os axudara, e se non podía, simplemente para escoitalos e darlles acougo; en cada rúa pola que pasaron as manifestacións que percorreron a nosa cidade nos últimos 30 anos, foran contra a guerra, o Nunca Máis,…; nos corredores da residencia, testemuñas de que aproveitaba os traslados na padiola para agradecer o traballo do persoal, e interesarse pola saúde da nosa sanidade pública; nos arquivos fotográficos e nas crónicas dos e das xornalistas aos que el tanto respectaba…

Ourense precisa de moitos Etelvinos
Ourense precisa de moitos Etelvinos

Liderou centos batallas xunto con moitas outras persoas, gañou moitas e non perdeu ningunha, porque como el ben sempre dicía, “nunca se perde cando se loita, simplemente, queda pendente”. Deixou semente de vitoria, pero os legados esvaécense se os e as que quedamos non seguimos labrando a terra.

Ourense precisa de moitos Etelvinos

Agora que centos de traballadores e traballadoras da banca, do téxtil, da hostalería…están presos da incerteza e do medo, cando os pequenos comerciantes suspiran diante dunha calculadora, e os desempregados perden a pouca esperanza que lles quedaba…agora que a incompetencia, os personalismos, e o exceso de escenificación se asentaron na vida pública da cidade situándoa nun acantilado de cristal, debéramos reflexionar acerca de que a pesares de que nos ensinaron que os ideais sobreviven as persoas, fai falla quen loite por eles, quen se revolva poñendo cabeza, corazón e voz contra a inxustiza social, a desigualdade, a insolidariedade, a precariedade laboral… Fan máis falta que nunca Etelvinos, líderes e lideresas sociais que removan conciencias predicando co exemplo, que salgan as rúas, e que se planten ante as inxustizas levantando o puño coa mesma firmeza e convicción coa que el adoitaba facelo.

Noela Blanco Rodríguez, exparlamentaria autonómica

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Botón volver arriba