Noticias

O PSOE de Ourense honra a Pablo Iglesias e reivindica os dereitos laborais

A Comisión Executiva Municipal do PSdeG-PSOE de Ourense celebrou esta mañá a súa tradicional ofrenda floral a Pablo Iglesias Posse, fundador do Partido Socialista Obreiro Español, con motivo do Día Internacional das e dos Traballadores.

O acto incluíu a lectura do manifesto do partido para esta data, cunha mensaxe de homenaxe a todas as persoas que, ao longo das xeracións, loitaron por condicións laborais xustas e dignas.

O PSOE de Ourense honra a Pablo Iglesias e reivindica os dereitos laborais

Durante a súa intervención, a secretaria xeral do PSdeG en Ourense, Natalia González, destacou que “a nosa memoria está con todas aquelas persoas que abriron camiño e tamén con quen hoxe, dentro e fóra das nosas fronteiras, segue defendendo os dereitos laborais e a xustiza social”. Subliñou os avances acadados nos últimos sete anos, como o incremento do Salario Mínimo Interprofesional, que cualificou como “exemplo claro dun compromiso real co benestar dos fogares e da clase traballadora”.

González fixo especial fincapé na redución da xornada laboral a 37,5 horas semanais, unha medida que, segundo dixo, mellorará a conciliación e especialmente “a calidade de vida das mulleres”, e que será consolidada, afirmou, “baixo un goberno socialista”.

Pola súa banda, Álvaro Vila, recentemente elixido secretario provincial do PSdeG, reivindicou o legado de Pablo Iglesias como “a semente da emancipación obreira” e alertou da necesidade de manter viva a loita polos dereitos sociais. “Cada avance social foi froito do esforzo colectivo”, lembrou, cunha mención especial ao papel fundamental do movemento sindical fronte a unha ultradereita que “ameaza sectores clave como o primario e a industria”.

Foto: PSdeG-PSOE

Noemí Álvarez, nova secretaria comarcal da UGT, interveu por primeira vez neste acto, dando continuidade ao traballo de Cristóbal Medeiros. Álvarez chamou á unidade para “gañar o futuro” e alertou dos perigos das políticas da extrema dereita europea e internacional, citando as recentes medidas comerciais impulsadas pola administración estadounidense, que “requiren dunha resposta firme da UE”.

A xornada reivindicativa culminou coa participación da agrupación socialista na manifestación convocada polas organizacións sindicais da provincia, percorrendo as rúas de Ourense nunha mostra de apoio á clase traballadora e ás súas demandas actuais: redución da xornada, igualdade salarial e defensa dos dereitos conquistados.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.