A Plataforma PROCAPD pronúnciase ante a polémica xurdida ó publicarse unha información que afecta a un dos portavoces da plataforma.
Rosendo Fernández, que actuou de forma ocasional como portavoz da plataforma, cumpriu pena de cárcere por abuso sexual a unha nena de catro anos.
A Plataforma PROCAPD pronúnciase ante a polémica
Publicamos a continuación o comunicado da Plataforma PROCAPD.
A Plataforma PROCAPD, por un Centro para persoas con discapacidade de xestión pública, quere comunicar o seguinte:
Estamos conmocionados pola noticia publicada no xornal La Región o 25 de xaneiro na páxina 5 relativa aos antecedentes penais de Rosendo Fernández, persoa que ten actuado nalgunha ocasión como portavoz desta plataforma. Por suposto que descoñeciamos totalmente os feitos mencionados, que loxicamente desprezamos. O que sabiamos desta persoa era que traballaba para a Xunta de Galicia como educador en diferentes centros. Foi el mesmo quen se ofreceu a apoiar as reivindicacións e accións da plataforma, e nós confiamos, e non o investigamos, tamén polo aval que supuña que traballase para unha Administración pública. Desde o momento no que somos coñecedores dos feitos a plataforma desvinculase totalmente desa persoa.
Somos pais, nais, irmáns…, é temos un único obxectivo: coidar dos nosos e velar polo seu futuro. Somos unha das minorías dentro da sociedade, e necesitamos visibilidade. Moitas persoas, durante os nove anos de traxectoria da plataforma, nos axudaron, a maioría vencelladas directamente coa discapacidade, outras simplemente por sensibilidade, solidariedade ou defensa da xustiza social. Grazas a todas elas.
A cuestión é: ¿Os feitos que agora se coñecen nos desprestixian como plataforma, como pais, como nais, familiares ou amigos de persoas con discapacidade? ¿Debe influír isto na nosa lexítima loita por que Ourense conte cun CAPD de xestión cento por cento pública como os que existen nas outras provincias de Galicia? Evidentemente non. Levamos anos soportando a dobre carga de atender ós nosos seres queridos e loitar polo seu dereito a contar cun CAPD digno. Estamos fortalecidos.
Lamentamos moito que se colase entre nós unha persoa con semellantes antecedentes, e o dano que poda facer este episodio á imaxe da plataforma. A nosa loita é necesaria e xusta, e seguiremos adiante con máis forza se cabe porque sabemos que o que pedimos xa foi valorado, aprobado e asinado, e porque non hai ningunha razón argumentada para non ter un CAPD de xestión pública en Ourense.
Plataforma PROCAPD de xestión pública en Ourense