A presentación de Sportur Galicia 2022 permitiu coñecer a programación que terá lugar durante a celebración deste evento os días 24 e 25 de novembro.
Expourense será o punto de encontro do deporte e o turismo durante a celebración do III Congreso Internacional de Turismo Deportivo e o V Salón do Deporte e Turismo Activo.
Presentación de Sportur Galicia 2022
A celebración destas dúas citas permitirán coñecer o potencial da comunidade galega como destino turístico no ámbito deportivo. O horario do evento será de 10h a 14h e de 16h a 20h.
III Congreso Internacional de Turismo Deportivo
21 expertos forman parte deste congreso no que analizará a influencia que o deporte ten na oferta turística dun destino. Mediante a análise do impacto que o deporte ten en distintos lugares, explorarase a posibilidade de replicar o modelo noutras zonas. O impulso do turismo deportivo supón unha tarefa que permitiría incrementar os índices económicos e laborais.
Como mostra da importancia que a actividade deportiva ten nestes intres en Galicia temos que recordar dúas cifras:
- 12.000 postos de traballo no sector deportivo en Galicia
- 1.600 millóns de euros é o volume de negocio do deporte na nosa comunidade
Durante este congreso tamén se analizarán outros aspectos que xiran ó redor da práctica deportiva na actualidade:
- Impacto nos Xeoparques Mundiais da UNESCO
- Práctica deportiva en contornas naturais protexidas
- Marco xurídico das actividades deportivas no medio rural
- Fondos Next Generation en turismo deportivo
- Plans de sustatabilidade turística en destino
- Innovación en Turismo Deportivo
- Impacto económico dos Campionatos de España de Atletismo
Entradas para o Congreso Internacional de Turismo Deportivo
A entrada para asistir ó Congreso de Turismo Deportivo é gratuíta. Só será preciso realizar unha inscrición previa na páxina web da organización.
Os asistentes poderán facelo de forma presencial (prazas esgotadas) ou virtual contando na actualidade con máis de 500 inscritos.
V Salón do Deporte e Turismo Activo
Clubs e federacións de Galicia estarán presentes no V Salón do Deporte e Turismo Activo. O evento contará con 50 expositores que mostrarán as opcións existentes en turismo activo e deporte.
Estes expositores realizarán diversas exhibicións, adestramentos e clases durante o evento para dar a coñecer a súa actividade ós visitantes.
No traballo de promoción da practica deportiva como medio para mellorar a nosa calidade de vida, Sportur contará con máis de 70 actividades.
Algúns dos deportes e actividades que atoparemos en Sportur Galicia son:
- Ciclismo
- Escalada en rocódromo
- Atletismo
- Ximnasia Rítmica
- Voleibol adaptado
- Tai-Chi
- Wushu
- Deportes náuticos
- Pitch and Putt
- Esgrima antiga
- Xadrez
- Bádminton
- Hockey
- Torneo Intercentros «Xogando Atletismo»
- Adestramentos con RunManiak coa participación do atleta Alex Fernández
Entradas para Sportur Galicia
As entradas para asistir a Sportur Galicia son de balde.