Presentan en Ourense a nova campaña de control de consumo de alcohol e drogas que porá en marcha a Dirección Xeral de Tráfico.
Esta campaña foi presentada na Estación de Servizo O Viso situada na estrada N-525 polo subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, o capitán da Garda Civil, Juan Carlos Nogueiras, e o xefe provincial de tráfico, David Llorente.
Presentan a nova campaña de control de alcohol e drogas
A Garda Civil de tráfico realizará esta campaña en colaboración con varias Policías Locais da provincia. O obxectivo desta iniciativa é fomentar unha condución segura mediante un control de consumo de sustancias por parte dos condutores.
«Gustaríanos que este ano se pechase sen ningún falecido máis, de aí o inicio desta campaña de controis», sinala David Llorente ó lembrar as 14 vítimas mortais e as 72 persoas feridas graves en accidentes de tráfico na provincia durante 2024.
Eladio Santos destacou que «aproximadamente, nun terzo dos accidentes ten presenza o consumo de alcohol e drogas. É un problema, de feito, na campaña similar realizada o ano pasado deron positivo 85 condutores, valores moi elevados. O consumo de alcohol diminúe a sensación de perigo, prolonga os tempos de reacción e altera a percepción da realidade por parte do condutor».