A Agrupación Municipal do PSdeG-PSOE de Ourense analizou o auxe dos discursos de extrema dereita nas redes sociais.
Este análise produciuse nun novo encontro aberto á cidadanía celebrado dentro do ciclo Conversas na Casa do Pobo.
O PSdeG analiza o auxe da extrema dereita
O acto contou coa participación de Lucía de Castro, politóloga especializada en Seguridade Internacional e portavoz dos e das socialistas en León. Na súa intervención, ofreceu unha análise sobre o impacto destas mensaxes entre a mocidade e no ámbito dixital.

Durante a súa intervención, a experta subliñou a necesidade de mellorar as estratexias comunicativas desde posicións progresistas para facer fronte á propagación de contidos de odio.
Segundo trasladou, cómpre apostar por unha comunicación máis próxima e directa coa cidadanía. Esta sería a maneira de contrarrestar a desinformación e a violencia de xénero que, ao seu xuízo, se espallan con facilidade nas plataformas dixitais.
De Castro advertiu tamén do papel dos algoritmos das redes sociais, que —segundo explicou— favorecen a viralización de mensaxes polarizantes. Neste sentido, apuntou que estes mecanismos tecnolóxicos contribúen a amplificar discursos de dereita e contidos baseados no odio ou nas mentiras, polo que defendeu unha resposta organizada desde a esquerda.
O encontro contou coa presenza da secretaria xeral do partido en Ourense, Natalia González; do secretario de XSO, Miguel Gómez; e do secretario provincial do PSdeG, Álvaro Vila, que acompañaron á relatora durante a xornada.
A iniciativa enmárcase na programación que a formación socialista desenvolve na cidade. O obxectivo destes encontros é promover o debate público e a reflexión colectiva sobre cuestións de actualidade política e social.

