Queremos Galego fixo este mércores un chamamento á participación masiva na manifestación nacional convocada para este domingo 17 de maio, Día das Letras Galegas, baixo o lema “O galego, lingua vital”.
A mobilización celebrarase ás 12:00 h na Alameda de Santiago de Compostela.
Queremos Galego convoca unha mobilización nacional en Santiago
A plataforma alerta da grave situación de emerxencia lingüística que, segundo denuncia, atravesa actualmente o galego, e reclama a posta en marcha de medidas urxentes para garantir o seu futuro. “O galego é a nosa lingua vital. Precisámolo para a existencia, o desenvolvemento e a cohesión social de Galiza”, sinalan desde a entidade.

Segundo expón o colectivo, os datos sociolingüísticos amosan un retroceso continuado no uso social do idioma, unha situación que atribúen á falta de oferta e presenza do galego en numerosos espazos da vida pública e privada. Ao seu xuízo, esta realidade limita as posibilidades de uso da lingua, dificulta a incorporación de novas falantes e debilita a continuidade de quen xa a emprega de maneira habitual.
Desde Queremos Galego consideran, con todo, que esta emerxencia lingüística “é reversíbel” se existen políticas públicas claras e un compromiso real por parte das institucións e da sociedade. Nese contexto, centos de colectivos integrados na plataforma impulsaron o protocolo “Lingua Vital”, un documento que recolle accións individuais, sociais e institucionais orientadas a reforzar a presenza do galego en todos os ámbitos.
A iniciativa, segundo explican, busca converterse nun “verdadeiro pacto pola lingua”, aberto á participación de persoas, colectivos e institucións que compartan a idea de que “Galiza só ten futuro se a súa lingua ten futuro”.
A plataforma remata cun chamamento á cidadanía para participar na mobilización deste domingo e defender o dereito a vivir plenamente en galego, ademais de reclamar políticas efectivas de normalización lingüística.

