Noticias

Rebenta outra tubaxe de auga quente no CHUO

O BNG rexistrou hoxe no Parlamento Galego varias iniciativas tras o novo rebentón dunha tubaxe de auga quente na zona de atención ao doente do Edificio Cristal, anexo ao Materno Infantil do CHUO.

O incidente, ocorrido esta mesma mañá, volve poñer no punto de mira o estado das infraestruturas sanitarias en Ourense.

Rebenta outra tubaxe de auga quente no CHUO

“É un novo rebentón con auga quente, co perigo que iso supón para as persoas e os materiais”, advertiu Noa Presas, deputada do BNG. Presas acusa á Xunta de “demagoxia e propaganda mentres as instalacións seguen sen unha revisión axeitada e con incidentes constantes”.

Este novo suceso prodúcese apenas once días despois do derrube nunha parte do Materno Infantil. Segundo Presas, foi “o terceiro en só ano e medio”. A parlamentaria nacionalista denuncia que o Goberno galego minimizou a gravidade dos feitos.

Presas indica que rexeitaron no Parlamento a publicación dos informes técnicos, a creación dunha mesa de traballo co persoal para abordar o desaloxo e as obras, e mesmo a dar explicacións sobre as obras paralizadas do novo edificio de hospitalización, detidas desde hai seis meses.

Rebenta outra tubaxe de auga quente no CHUO
Noa Presas. Foto: BNG

Para o BNG, esta situación é “a imaxe da vergonza” e evidencia a precariedade na Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras. “Isto non é novo, podería terse evitado. A día de hoxe non hai explicacións nin responsabilidades políticas. Ocúltase desde cando se recomendou o derrube nin cando se vai facer efectivo, porque nos orzamentos de 2025 non hai ningunha partida destinada a el”, conclúe Presas.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.