O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, presidiu esta mañá a xunta local de seguridade, na que se avaliaron os datos de criminalidade do primeiro trimestre e se ultimaron os dispositivos especiais para garantir a seguridade durante as festas do Corpus, o Rally de Ourense e outras celebracións previstas.
O subdelegado do Goberno destacou que Ourense continúa a ser unha cidade segura, malia o aumento puntual de delitos leves
Ourense reforza a seguridade nas festas do Corpus e no Rally
A reunión contou coa participación de representantes das principais administracións, forzas de seguridade e entidades veciñais e comerciais da cidade. Entre eles, destacaron o secretario xeral da Subdelegación do Goberno, Manuel Arias; o concelleiro de Seguridade Cidadá, José Ignacio González; e o delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo. Tamén asistiron membros das asociacións de veciños, responsables do Centro Comercial Aberto e representantes das policías Nacional, Autonómica e Local.
Tras o encontro, Eladio Santos animou á cidadanía a gozar das festas “con prudencia, seguridade, e sempre cumprindo as normas”. Ao mesmo tempo, apelou á responsabilidade de veciños, veciñas e visitantes para que as celebracións transcorran “de forma segura e con total normalidade”.
Dispositivo especial e datos de criminalidade
A Policía Nacional e a Policía Local establecerán dispositivos especiais para estas datas, con reforzo da vixilancia e aumento dos efectivos nas rúas. Segundo se informou na xunta, no primeiro trimestre do ano rexistrouse un incremento de delitos. Estos están centrados sobre todo en furtos e roubos no interior de vehículos. Con todo, non se detectou delincuencia grave, e o balance global segue a situar Ourense como unha cidade segura en comparación con outras urbes españolas de tamaño similar.

O subdelegado destacou os “datos moi positivos” en termos de seguridade cidadá e sinalou que, ante calquera aviso veciñal, estanse a desenvolver operativos específicos nos barrios máis sensibles. Grazas a estas accións, aumentouse o número de detencións, algo que foi recoñecido polas asociacións veciñais, que agradeceron o reforzo policial visible nas rúas.
Compromiso contra a violencia machista
A violencia de xénero foi outro dos temas tratados. En Ourense existen 163 casos activos, 36 menos ca hai un ano. Santos puxo en valor a colaboración entre a Policía Nacional e a Policía Local a través do sistema VIOGEN, ao que o Concello de Ourense se incorporou este ano. Ademais, fixo un chamamento á “tolerancia cero” contra a violencia machista, e subliñou que este problema require o compromiso conxunto da sociedade e das administracións.
Seguridade nos centros educativos
A xunta tamén avaliou a marcha do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas Contornas. Durante o 2024 realizáronse 244 actividades en Ourense, que abordaron temas como o acoso escolar, as adiccións e a violencia de xénero, chegando a 13.584 participantes. Como reto de futuro, Eladio Santos sinalou a necesidade de lograr unha maior implicación das familias neste tipo de formacións, co obxectivo de que tamén os pais e nais coñezan os riscos que afectan á mocidade.